A concelleira de Turismo de Ribadeo, Ana Martínez, cifrou hoxe a ocupación hoteleira da vila durante esta ponte nun 69%. Asemade, destaca unha gran afluencia de xente na restauración e non só, nos aloxamentos. A edil, achaca parte desta concorrencia de turistas á celebración do XV Mercado de Nadal que organiza o concello e que permanecerá no parque de San Francisco ata o vindeiro domingo, 9 de decembro.
A oferta das 26 casetas instaladas vai dende produtos da gastronomía local ata obxectos de artesanía como xoias ou elementos decorativos. Ana Martínez comentou que “arredor deste mercado temos diversas actividades de ocio e de entretemento para que a xente que se achegue a Ribadeo poida pasar aquí toda esta xornada ou ben a ponte no seu conxunto. Creo que é unha boa opción que se propón desde Ribadeo para vir non soamente a este mercado navideño senón a toda a posibilidade que ofrece o comercio local. Ribadeo, como é sabido, ten un comercio importante, que ten todas as opcións para poder mercar os agasallos de Nadal e, como é evidente, todo o ano. Polo tanto a xente que se achegue durante esta ponte a Ribadeo que saiba que o comercio tamén está aberto, cos seus produtos navideños e con todas as posibilidades e un abano importante para satisfacer as necesidades tanto do diario como dos agasallos e dos produtos que temos a disposición durante o Nadal”.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio manifestou que “como posibilidades de vir disfrutar, dicir que o programa do Mercado de Nadal de Ribadeo é importante. Mañá temos unha visita guiada nocturna, a partires das sete e media, pola ruta dos comerciantes a cargo de Begoña López. E o domingo teremos tamén unha visita guiada polo patrimonio relixioso das diferentes igrexas e capelas do concello de Ribadeo, que partirá ás once da igrexa parroquial e a cargo da xente que colabora na parroquia como son Álvaro Lamas e Luís López”.
A concelleira nacionalista engadiu que “tamén temos música con concertos todos os días dentro do espazo do Mercado de Nadal, e actividades para nenos e nenas”. Ana Martínez subliñou que Ribadeo está aberto no Nadal e as dúas portas permanecen “abertas para os visitantes, e aquí os agardamos durante todas estas xornadas e durante todo o ano”.