O Concello de Ribadeo contratou a 35 persoas para a campaña de verán para socorrismo e atención sanitaria nas praias, información turística, limpeza urbana e de praias e extinción de incendios. O investimento ascende a 180.000 euros e o alcalde, Fernando Suárez, subliñou que “este esforzo económico está ben empregado para seguir facendo de Ribadeo un lugar acolledor, limpo e seguro”.
O rexedor manifestou que o Concello ten todo preparado para iniciar unha campaña de verán “ilusionante, como todas as que levamos feito, pero desta volta con toda a ambición e con toda a intención de que vaia indo todo ben”.
“Sabemos que a situación sanitaria non é mala e, aínda cos grandes eventos de masas cancelados, imos seguir recibindo moita xente este verán”, explicou o alcalde quen explicou que o sector servizos “o está a facer moi ben”. “Está habendo moitas reservas e respírase un ambiente de optimismo contido e desde o Concello estamos poñendo tamén todo da nosa parte para ter un verán ordenado, limpo e seguro, diría eu”.
O alcalde explicou que “logo de varios procesos selectivos, foron contratados un número importante de persoas para desempeñar as tarefas estivais de socorrismo, de atención sanitaria, de información turística, de reforzo de limpeza urbana, de praias tamén, así como o reforzo de persoal para extinción de incendios. Temos para iso 35 prazas, que é a suma dos 13 socorristas dado que quedaron prazas vacantes en socorrismo, 3 técnicos sanitarios, 7 informadores turísticos, 9 operarios de medio ambiente e 3 operarios de motobomba”.
Fernando Suárez subliñou que “todo isto ten un custo enorme duns 180.000 euros, que na súa grande maioría acabamos asumindo de fondos propios, dado que as achegas da Xunta xa son realmente cativas de inicio e logo aínda acaban sendo menores polos enormes requisitos que piden, como por exemplo estar en desemprego, etc… Con todo, este esforzo económico está moi ben empregado para seguir facendo de Ribadeo un lugar acolledor, limpo e seguro”.
O alcalde e os concelleiros de Medio Ambiente e Turismo, Jorge Díaz e Pablo Vizoso, déronlle a benvida ao novo persoal este mediodía na Casa do Concello.