Ribadeo descubriu hoxe a primeira placa dunha serie de 33 que contan referencias históricas das diferentes rúas da localidade mariñá, “que quixemos poñer desde o Concello para facer do noso pobo un museo vivo para os veciños e visitantes”, sinalou o alcalde, Fernando Suárez. A cita foi na rúa Ibáñez, ao carón da Casa do Concello.
O rexedor tivo palabras de agradecemento para varias persoas: “grazas pois á colaboración de Eduardo Gutiérrez, cronista oficial, Carlos Pérez, deseñador de Sargadelos, a Carlos Longarela Sanfiz, arquitecto municipal e a Kiu Sarmiento, pola vosa participación nos debuxos e deseños e a tod@s os que colaborastes no acto de hoxe dun xeito ou doutro”.
Suárez Barcia anunciou que “para a semana teremos tamén na Oficina de Turismo folletos explicativos con información ampliada en galego, castelán, francés e inglés, e incluso tamén en italiano, porque cada ven máis xente desa fala”. E aludiu a Cicerón “que dicía que todos aqueles pobos que descoñecen a súa istoria están condenados a vivir nunha perpetua infancia. E nós en Ribadeo non queremos que iso suceda así. Agardamos que vos guste esta iniciativa”.
Pola súa banda, o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, contou que “sen ser exhaustivos, as 33 placas sinalan lugares emblemáticos do punto de vista da historia local e mesmo dalgunhas tradicións. Indícanse os lugares onde estiveron as portas da vila da muralla medieval, acompañadas de ilustracións un tanto idealizadas pois non conservamos gravados ou debuxos da época, pero si permanecen algúns treitos, polo que mais ou menos pódese seguir o seu itinerario, elaborado a base de documentos. Constan referencias á cerca do século XIII”.