Ribadeo instala 14 novos aparcabicis e elimina barreiras arquitectónicas

O Concello de Ribadeo está a instalar 14 aparcabicis en puntos estratéxicos da vila. Así o anunciou esta mañá o seu alcalde, Fernando Suárez, quen explicou tamén que o goberno local procederá estes días tamén ao pintado e creación de prazas de aparcamento para persoas con diversidade funcional. Asemade, o rexedor anunciou que se eliminarán barreiras arquitectónicas detectadas no municipio para facilitar a accesibilidade na vila.

 

O rexedor declarou que “como ben se poderá ver nestes días estamos a facer unha serie de pequenas obras de mellora en canto á accesibilidade de persoas discapacitadas por unha banda, así como tamén de comodidade para os usuarios de bicicletas pola outra”.

Suárez Barcia contou ademais que “estivemos atendendo as peticións que os usuarios da asociación de discapacitados Cogami, nos suxeriron en canto á accesibilidade e mellora de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, e tamén para a eliminación dalgunhas barreiras arquitectónicas nalgunhas ramplas que aínda tíñamos pendentes por aí. Tamén atendemos as opinións que nos leva manifestado desde hai algún tempo a Policía Municipal para mellorar estas prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida. Estamos arranxando e creando cerca de 30 en total, adaptadas á normativa e coa pintura axeitada”.

O alcalde ribadense engadiu que “por outra banda tamén varios colectivos de ciclistas, sobre todos usuarios habituais das bicis polo ámbito urbano, queren, e en definitiva queremos que Ribadeo sexa un lugar agradable para andar en bici da mesma maneira que en multitude de cidades europeas cada día é un recurso máis utilizado, san e rápido para chegar aos sitios”.

Fernando Suárez salientou que  o concello está a colocar unha serie de aparcabicis cun deseño duradeiro, ademáis estarán ubicados en diferentes “puntos estratéxicos, alí onde os usuarios das bicicletas nos foron recomendando que deberíamos telo en consideración”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com