A Concellaría de Igualdade de Ribadeo levará a cabo a campaña Ribadeo en Negro sumándose deste xeito á iniciativa que se desenvolve noutros 15 concellos de Galicia. A titular deste departamento, Mariluz Álvarez Lastra, salientou que “o obxectivo é que Ribadeo se vista de negro”, tinguindo desta cor os escaparates e establecementos de hostalaría entre o 18 e o 28 de novembro para amosar a repulsa á violencia machista.
Desde o Concello de Ribadeo sinalaron que xa contactaron co sector comercial, cos bares, coa hostalaría da nosa vila, cos centros educativos, co centro de saúde e con diferentes entidades para que se sumen a esta campaña.
Álvarez Lastra lembrou que “o mesmo que o ano pasado fixemos un apoio e sensibilización contra a violencia de xénero cunha cadea humana, este ano pretendemos que durante todo este período do 18 ao 28 de novembro, que incluirá tamén o día 25 un acto central, sexamos capaces de tinguir a Ribadeo de negro en repulsa contra a violencia machista e contra os asasinatos de mulleres, que cada ano van en aumento”.