A pista de xeo de tamaño XL volverá a Ribadeo un ano máis, e estará instalada no parque de San Francisco do 15 de decembro ao 7 de xaneiro. O prezo da entrada xeral será de 6 euros, aínda que aquelas persoas que consuman máis de 20 euros na hostalería e no comercio locais só pagarán 3 euros presentando os tíckets correspondentes.
A novidade deste ano é que para os grupos escolares da comarca, de máis de 10 persoas, establécese un prezo por entrada de 4 euros. Esta mañá tiña lugar a presentación desta actividade organizada polo Concello de Ribadeo e Acisa. No acto participaron o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Mocidade, Vanesa Yanes, o presidente de Acisa, David Martínez, e o xerente desta asociación, Jesús Pérez.
O rexedor manifestou que “hai que aproveitar o frío e o Nadal para que Ribadeo se encha de xente, nova e non tan nova, que todos veñan a Ribadeo a mercar, a facer as compras para o Nadal, a pasalo ben, a disfrutar, e ademais a patinar sobre xeo outro ano máis, e xa é o terceiro”.
O alcalde salientou que “xa somos un referente consolidado non vou dicir na Mariña, vou dicir en Galicia e nunha parte de Asturias importante tamén, que acaban vindo a Ribadeo coa xente máis nova aproveitando esta pista de xeo que imos ter montada durante moitos días, desde o 15 de Nadal ata o 7 de xaneiro, en horarios partidos de doce da mañá a dúas da tarde, e de cinco da tarde a dez da noite”.
Fernando Suárez informou de que “o custo da entrada é o mesmo que estes anos, 6 euros para a entrada xeral e 3 euros para todas aquelas persoas que compran no comercio local, nos establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto de Ribadeo cun mínimo de 20 euros. Todas aquelas persoas que compren cun mínimo de 20 euros, o establecemento daralles un vale que poden canxear na pista de xeo pagando a metade”.