O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, participaron este sábado no 61 Descenso Internacional do Miño, que reuniu a 400 palistas de 28 clubs chegados de toda Galicia, o que supuxo un novo record de participación. En total foron 308 embarcacións as que competiron nesta nova edición do Descenso, a segunda proba de piragüismo máis antiga de España e un referente do piragüismo galego.
Rivera Capón e Méndez López entregaron os premios e trofeos aos gañadores da proba, que conta co patrocinio da Deputación. O organismo provincial realiza unha achega anual de 15.000 euros para a organización de diferentes actividades deportivas na provincia a través do Club Fluvial de Lugo, entre as que se atopa o 61 Descenso Internacional do Miño.
A saída estivo situada no Concello de Rábade, para as modalidades de K1 e K2 nas categorías de home xuvenil, sénior e veterano, que percorreron 17 quilómetros e medio para chegar á meta, situada no Club Fluvial. Pola súa banda, os homes da categoría cadetes, na modalidade de K2, tomaron a saída dende Ombreiro para cubrir un percorrido de 8 quilómetros, nun circuíto no que tamén remaron todas as categorías de mulleres, nas modalidades de k1, k2 e C1.
Este mesmo percorrido foi o que afrontaron os participantes na modalidade de C1, en homes veteranos, sénior, xuvenil e cadetes. A meta volante do circuíto estivo situada no concello do Outeiro de Rei, que un ano máis colabora xunto co de Rábade na celebración deste descenso.