O secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, a Coordinadora da Executiva Provincial Socialista coa Comarca da Mariña, Rocío López, e o Deputado Autonómico do PSOE por Lugo, Luis Álvarez, fixeron hoxe balance das actuacións levadas a cabo no 2017 na Costa dende a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia e afirmaron que “o PP só pode presumir na Mariña do que fixo o PSOE no 2017 polos 80.000 veciños desta Comarca dende o Goberno da Deputación porque non quere ou non pode falar do que fixo dende o Executivo da Xunta, impoñendo aos mariñáns un hospital e un transporte público de beneficencia ou negándolles os seus fondos públicos na administración autonómica para servizos ou necesidades”.
Os socialistas apuntaron algunhas das iniciativas levadas a cabo na Mariña durante o 2017 polo Partido Popular dende a Xunta de Galicia e non se esqueceron de lembrar o que tildaron de “imposición” de anteproxecto de reforma da Lei de Saúde feita, “sen consenso algún e en pleno mes de agosto, que suprime a área sanitaria da Mariña e fai que o Hospital da Costa se quede sen capacidade de xestión en asistencia primaria e especializada ou sobre os seus recursos humanos, económicos, prestacións…”
“O Partido Popular ofrece aos máis de 72.000 mariñáns, cuxo hospital de referencia é o da Costa, un hospital de beneficencia, no que xa agardan ata un ano por unha consulta de cardioloxía ou no que non teñen servizo de xeriatría. Con esta imposición, os mariñáns tardarán máis en ser atendidos pola sanidade pública en Burela ou Lugo, a onde tamén terán que desprazarse os propios profesionais para atender a máis xente cos mesmos recursos”.
Os socialistas tamén destacaron nesta xuntanza o novo plan de transporte público “de beneficencia”, que, segundo afirmou Rocío López, “suprime liñas de autobuses en todos os Concellos”. Asemade, quixeron lembrarlle á Xunta que a Mariña “segue a ser a Comarca Incomunicada” e resaltaron a mala infraestrutura viaria da que se dispón nesta área lucense: “Seguimos sen o Corredor da Costa. O PP nada fixo tampouco no 2017 e segue a prolongar a existencia desta imprescindible infraestrutura para máis alá do 2020”.
Por último, neste balance do pasado ano, os socialistas lembraron dous temas que foron portada de diario en moitas ocasións como foron a couza guatemalteca e a vespa velutina que o PP solucionou coa “prohibición da plantación de patacas por non pór en marcha medidas para combater” a couza e, no tocante ás velutinas “botan balón fóra e deixan sos aos Concellos e aos GES, poñendo en risco a produción de mel”.
Para Rocío López e os seus compañeiros de agrupación, o que está claro é que os únicos investimentos na Mariña foron os do Goberno do PSOE na Deputación “a través dun orzamento que aprobamos os socialistas en solitario. Isto permitiunos levar aos 16 Concellos da Comarca máis de 11 millóns de euros en impulso do emprego, do benestar, das infraestruturas e das dotacións públicas na procura de mellorar a calidade de vida dos veciños da Mariña”.