Román Rodríguez anunciou un plan director para o mantemento da muralla

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, realizou hoxe en Lugo unha andaina co gallo do 20 aniversario da declaración da Muralla romana como Patrimonio da Humanidade, un recoñecemento que a Unesco fixo público o 30 de novembro do ano 2000 poñendo de manifesto o valor deste ben que constitúe o mellor exemplo vivo de fortificacións militares do Imperio Romano tardío conservado en Europa.

Durante a súa visita a cidade de Lugo, o titular de Cultura e Educación, acompañado pola alcaldesa de Lugo, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e outras autoridades, avanzou que a Xunta porá en marcha un Plan Director que establecerá as liñas de actuación en materia de conservación para os vindeiros anos. Neste sentido, explicou que os orzamentos do vindeiro ano recollen a redacción deste Plan.

Nesta liña, Román Rodríguez explicou que o valor e importancia deste monumento fixo que Lugo sempre ocupara un lugar destacado no compromiso do Goberno galego co patrimonio cultural. Proba disto é que a Administración autonómica investiu máis de 10 millóns de euros en máis de 60 actuacións vencelladas coa Muralla romana desde que foi recoñecida pola Unesco. A meirande parte destas intervencións foron de conservación, mantemento e consolidación.

Este compromiso, tal e como incidiu, “continúa vixente nos plans do Goberno galego para o vindeiro ano”. Así, ademais da redacción do Plan Director, a Xunta de Galicia ten previsto achegar máis dun millón de euros a actuacións vencelladas coa Muralla que se executarán ao longo do ano 2021. Algúns dos traballos que están previstos son a restauración dos lenzos dos cubos XXX e XXI e a mellora da planificación da conservación, mantemento e limpeza.

A alcaldesa de Lugo “Lara Méndez”, tamén fixo unhas declaracións nas que subliñou o que significou para Lugo a declaración da muralla romana como Patrimonio da Humanidade hai 20 anos, “supuxo un fito, un antes e un despois” e asegurou que o concello “seguirá poñendo en valor o patrimonio histórico e cultural da cidade e  destacou o caso de do acondicionamento do Pazo de dona Hurraca e a súa contorna, grazas a un convenio que ven de asinar o concello coa Xunta.

#ANosaMuralla

Co gallo desta efeméride, a Xunta de Galicia ven de poñer en marcha a campaña #ANosaMuralla, un proxecto que sitúa aos lucenses como protagonistas e, en parte, artífices de acadar e manter a distinción concedida pola Unesco no ano 2000. Para iso, a través da canle de Youtube A Nosa Muralla habilitada para a ocasión, estanse emitindo diferentes felicitacións polos vinte anos da Muralla como Patrimonio mundial da man de destacados personaxes de distintos ámbitos da sociedade lucense.

Todas aquelas persoas que queiran participar poderán subir os seus vídeos, cunha duración máxima dun minuto, a través da plataforma gratuíta anosamuralla.wetransfer.com, dun xeito sinxelo e rápido. Ademais de felicitacións, na canle tamén se están a emitir historias e as anécdotas doutros tantos personaxes, que son os que están aportando a súa visión particular desde o punto de vista deportivo, artístico, arqueolóxico, teatral, literario ou incluso máxico.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com