O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, confirmou a representantes do PP de Becerreá que no vindeiro curso non se recortará profesorado e manterase a materia de francés se o IES cumpre a ratio establecida por lei. Así o abordaron nunha reunión que mantiveron recentemente os populares deste municipio co responsable autonómico.
Concretamente, a consellería informou de que o actual marco normativo, no seu apartado sétimo da resolución do 17 de xuño de 2021, establece como mínimo un número de cinco alumnos nas materias optativas, para os ámbitos rurais e pequenos núcleos de poboación.
No curso actual, o IES non cumpriu con ese mínimo coa disciplina de francés. O número demandante desta materia foi: 2 alumnos en 3º de ESO, 2 alumnos en 1º de Bacharelato e 1 alumno en 2º de Bacharelato.
Con todo, dende o PP tamén se demandará unha excepcionalidade se a ratio é aproximada á marcada por lei.
A oferta do IES A obriga da Xunta de Galicia é organizar a actividade dos centros educativos en Galicia, tendo en conta criterios pedagóxicos, demográficos, xeográficos e de xestión responsable de recursos. A matrícula do ano 2021/2022 entre ESO e Bacharelato neste centro foi de 123 alumnos, procedentes dos concellos de Becerreá e As Nogais. Ademais, en Bacharelato acolle tamén rapaces de Baralla e Cervantes e, en menor medida, de Pedrafita e Navia de Suarna. Este instituto dispón no actual curso cun total de 23 profesores e un auxiliar de conversa.
Conta dentro dos programas educativos co Plan de Formación Permanente do Profesorado, PLAMBE, EDIXGAL, seccións bilingües, Plan Proxecta ou a iniciativa Parlamento Xove, participando en moitas edicións e sempre cunha participación moi destacada.