Román Rodríguez gaba a figura de Manuel María polo seu “compromiso con Galicia”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, gabou a figura de Manuel María -a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas- porque, máis aló da súa calidade literaria e da súa prolífica obra poética, “foi un home comprometido coa cultura, coa sociedade e co idioma dun xeito absoluto”. O conselleiro fixo esta loa na terra natal do poeta, en Outeiro de Rei, onde esta mañá asinou un convenio coa Fundación Manuel María de Estudos Galegos.

O acordo entre as partes ten como fin colaborar na actualización do pensamento e da memoria do autor chairego, así como na divulgación da súa obra. Ao abeiro deste documento, a Consellería achegará un total de 22 000 euros para levar a cabo actividades de carácter cultural e de normalización e dinamización lingüística, así como para elaborar material divulgativo sobre a súa Casa-Museo e a súa obra literaria.
Precisamente, o conselleiro subliñou a vontade de normalización lingüística desde a vangarda histórica de Manuel María, a quen definiu como “poeta popular e do pobo e home con firmes conviccións cívicas”. O responsable de Cultura do Goberno galego lembrou tamén que Manuel María foi o primeiro autor novo en publicar en galego tras a Guerra Civil, que foi un dos precursores da poesía infantil no franquismo e un dos autores máis musicados das nosas letras, polo que dedicarlle o Día das Letras Galegas é un acto de “xustiza de recoñecemento” a un dos grandes autores galegos de todos os tempos.
Actividades promovidas en colaboración coa fundación
Segundo o convenio asinado hoxe, a Fundación Manuel María encargarase de organizar as actividades de carácter cultural destinadas a divulgar a obra literaria e o perfil humano do escritor por medio de conferencias, recitais poéticos e mesas redondas, entre outras. Tamén elaborará o material divulgativo e promocional da súa Casa Museo en Outeiro de Rei, onde actualmente se deposita o legado do escritor, e o material para dar a coñecer a súa obra literaria.

Programación complementaria da Xunta de Galicia
O conselleiro avanzou que a Xunta poñerá en marcha unha programación especial para renderlle tributo ao autor ao que se dedica o Día das Letras Galegas deste ano. No marco desta conmemoración, a partir do próximo mes de maio, estase coordinando tamén coa fundación o deseño e posta en marcha da exposición itinerante “Manuel María. Beleza, amor e compromiso” que percorrerá 13 localidades de Galicia desde o mes de maio. A programación das Letras Galegas 2016 da Xunta contempla tamén outras iniciativas arredor do 17 de maio como a III Carreira “Camiño das Letras” prevista para o vindeiro 15 na capital de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com