Baixo o lema “Corazón da Galiza. Biodiversidade, auga e terra, a Delegación de Lugo de Adega continúa co programa de roteiros 2022/23 que leva por título “Depredación da natureza ou autosuficiencia”. Este domingo os participantes farán un percorrido de dificultade baixa, arredor da finca de Quintas, cunha lonxitude de entre 8 e 10 km e cunha superficie de 200 hectáreas no centro de Galicia, nunha zona relativamente cha entre a serra do Careón e o río Ulla. Nesta área os asistentes ao roteiro poderán observar aves e, sobre todo, unha “vexetación e flora de extraordinaria rareza”.
Os seguintes Roteiros serán: – 18 de decembro: “o Miño ameazado en orixe” (Meira) – 15 de xaneiro: “Mámoas e petróglifos: custodiando ós nosos ancestros” (Friol) – 26 de febreiro: “A depredación a mantenta das nosas florestas” (Lugo) – 26 de marzo: “As aves na trampa do vento” (A Mariña) – 23 de abril: “A fonte sagrada” (A Fonsagrada) – 21 de maio: “Biodiversidade ameazada polo lume no parque natural” (O Invernadoiro) – 25 de xuño: “A loita dun pobo, gañar e perder” (Castrelo do Miño).
Os roteiros de Adega-Lugo son andainas pola natureza que organiza a Delegación de Lugo da organización ecoloxista Adega desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxecto principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio. Información e reserva da praza na propia bitácora de roteiros de Adega-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com).