O Concello de Lugo solicitaralle ao Ministerio do Interior permiso para volver activar as cámaras de videovixilancia no polígono do Ceao, logo dos roubos que se veñen sufrindo nos últimos meses, o último, o rexistrado na discoteca Morango a pasada noite.
Segundo o voceiro do Goberno local, Miguel Fernández, é o Ministerio do Interior quen debe dar a autorización necesaria para poñer en funcionamento esta cámara, polo que primeiro se elaborará unha proposta de gasto para saber os custes que tería a medida e posteriormente se cursará a solicitude.
“A idea é volver a solicitarlle ao Ministerio que autorice a instalación destas cámaras porque entendemos que é necesario e que é pedido polos empresarios da zona e polos comerciantes e é importante darlle solución”,subliñou Fernández.
Este anuncio chega logo de que a pasada noite varios ladróns entrasen na discoteca Morango, situada no Polígono do Ceao, e roubasen cartos por valor de preto de 10.000 euros ademais de bebidas alcólicas que terían un valor similar.
Os ladróns entraron na sala realizando varios butróns, desactivaron a alarma e as cámaras de vixilancia e, unha vez dentro, baleiraron un depósito de auga para non deixar rastro.