Hogano valórase especialmente á mocidade, pola ilusión, formación e futuro, en detrimento da experiencia dos maiores. E se a vida laboral se amplía no futuro, non é para aproveitar a veteranía senón para incrementar cotizacións e reducir pensións. E o tempo laboral deberá depender do estado do traballador, porque mesmo as excepcións poñen de manifesto que a actividade ten que reducirse a unha certa idade.
Participei en Alfoz na homenaxe a un nonaxenario profesor e escritor, en plenitude de facultades, que publica un libro cos seus artigos dos últimos dez anos, e ven de doar a súa Biblioteca á biblioteca municipal, da que unha sección leva o seu nome.
Pedro Rubal Pardeiro, Fillo Predilecto de Alfoz, xubilado hai 25 anos, cada semana publica en Galicia Digital luminosos artigos nos que, en base ao pensar filosófico, analiza a actualidade, obtendo conclusións válidas para a vida.
Nesta homenaxe, Marcelino Agís, Decano de Filosofía da USC, afirmou que Pedro supera a clasificación de Ortega das etapas humanas -mocidade, iniciación, predominio, transformación e vellez- que remataba aos 75 anos, comprobando que é posible unha nova etapa, de plena actividade, lucidez e coñecemento.
Pedro Rubal é un exemplo de formación, percepción do que acontece ao arredor e de difusión do seu labor para especialistas ou preocupados por entender o que acontece no mundo. Vai presentar aos futuros filósofos o seu libro FUXINDO DA SAUDADE e, sen dúbida, será un acontecemento na vida deste filósofo nonaxenario, pero tamén experiencia inesquecible para os que o escoiten, que poderán comprobar que aos 90 anos hai aínda moito que facer e que dicir.