O voceiro do BNG-AA no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, lamentou esta mañá que “o goberno municipal insista en incumprir as súas promesas” e lembrou como “en marzo de 2017, fai case un ano, a alcaldesa sacaba o seu atril para prometer 7 aparcadoiros con 600 prazas en 12.000 metros cadrados anunciando que estarían operativos no verán”. Naquel momento, anunciouse a creación dos aparcadoiros disuasorios en parcelas de titularidade municipal en lugares da zona norte da cidade, nas inmediacións de Fontiñas, na zona da Piringalla e en San Roque. Rubén Arroxo desprazouse ao mesmo lugar onde a alcaldesa anunciara a creación destes aparcamentos para denunciar o incumprimento.
Arroxo lembrou as carencias en materia de mobilidade e pediulle ao goberno “que remate coa parálise na que ten sumida á cidade”. “Nin aparcadoiros disuasorios, nin sistema rotatorio de aparcamento nas rúas que tiñan a ORA, nin solución ás diminutas prazas dos aparcadorios soterrados, non se fixo absolutamente nada para dar solución aos problemas reais de Lugo” afirmou Arroxo; quen lembrou que “naquela rolda de prensa da alcaldesa de marzo do pasado ano tamén se falou de converter en 2 cada 3 prazas dos soterrados e dun acordo coa empresa adxudicataria, pero tampouco se fixo nada”.
A ubicación dos aparcadoiros sería nos seguintes lugares: un na rúa Manuel Portela, na zona norte da cidade; na rúa Alcalde Xosé Novo Freire, nas inmediacións de Fontiñas, unha terceira parcela interior, entre a rúas río Sil e a Avenida Infanta Elena, a cuarta entre a rúa do Buxo e Manuel María, tamén no norte da cidade; outra tamén na rúa Manuel María, cara o barrio da Piringalla, na rúa Río Narla, á beira da Avenida da Coruña, e na rúa Jacinto Calvo. Para o BNG “esto demostra, unha vez máis, que a política do PSOE queda limitada a anuncios baleiros que despois non chegan a executarse”.