O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, cualificou de “estafa” o proceso de deseño das novas liñas de buses e lembrou que “tanto as novas liñas como as supostas mellores que recolle o novo contrato da adxudicataria de transporte público do concello de Lugo terían que entrar en funcionamento o pasado mes de xuño”. Arroxo lembrou tamén que “o pleno aprobou unha iniciativa no mes de setembro para que se dese conta aos Grupos Municipais dos cambios q vai a supoñer no transporte urbano o novo contrato” e sinalou “a día de hoxe o goberno municipal segue ocultando a información sobre o que vai ser no futuro o servizo de bus de Lugo”.
Arroxo lembrou que “a alcaldesa estivo reuníndose con veciños nos barrios e agora non se atreve a poñer en marchar as novas liñas que serán perxudiciais para Lugo” e lamentou que “o escurantismo que mantivo o goberno municipal no deseño das novas liñas de autobuses urbanos, na cal non se permitiu participar á oposición, dea como resultado unha peor conexión no rural”. O grupo nacionalista, que solicitou en reiteradas ocasións que se convocase unha comisión co fin de poder tratar entre todos os grupos as diferentes propostas, considera que as liñas agora propostas non son nin moito menos as mellores, sobre todo no que afecta á zona rural.
O grupo nacionalista propón, unha vez máis, reunir a todos os grupos municipais e mirar que posibilidades de modificación das liñas existen, “entendemos que hai que xuntarse e falar de solucións, porque se queremos que viva xente no rural o que non se pode é seguilo deixando en estado de esquecemento e de recorte de servizos” explicaba Rubén Arroxo lembrando que estas xuntanzas se deberon ter feito antes de presentarse as novas liñas “posiblemente a alcaldesa quixo sacar en solitario o titular das novas liñas, sen ter nin tan se queira analizado se melloraban a situación anterior, e agora non se atreve a poñelas en marcha por que sabe que pode crear outro caos na cidade” afirmou o portavoz do BNG.