O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe en Lugo co sector hostaleiro de Galicia, a reunión asistiron representantes dos empresarios da hostalaría de Lugo, A Coruña, Ourense e Pontevedra, Durante o encontro amosou “a súa aposta por afondar na profesionalización do sector hostaleiro galego a través da formación especializada, que se comprometeu a ampliar da man do tecido asociativo e cos recursos do Centro Superior de Hostalería”.
“É un reto fundamental seguir profesionalizando o sector para facer fronte ao problema xeral de falta de man de obra e para iso hai que continuar potenciando os centros de formación, captando a xente que queira traballar na hostalería e no sector turístico de xeito profesional e ofrecéndolles a oportunidade de formarse”, explicou.
Nunha xuntanza con representantes do tecido asociativo, á que tamén asistiron os candidatos pola provincia Elena Candia, Javier Arias e Alfonso Villares, así como o candidato por Ourense e responsable actual de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o presidente recordou os tempos duros vividos polo sector durante a pandemia e incidiu na importancia de contar cunha Administración “áxil, xusta, xenerosa e disposta a axudar”.
Unha das leccións que, segundo afirmou, se aprendeu nese momento e marcaría a posterior recuperación económica do sector hostaleiro e turístico, foi “non só a importancia desa colaboración entre a Administración e o sector, senón tamén a posta en valor de Galicia sendo conscientes da nosa imaxe desde fóra e do que a xente busca de nós”.
De aí que avogase por seguir promocionando Galicia como un destino turístico especial “dando a coñecer o que ninguén máis ten” e ao mesmo tempo estar preparados para adaptarse aos cambios no ciclo económico.
Alfonso Rueda recordou que “Galicia é terra de autónomos e pemes” na medida en que ambos representan case o 90% do tecido económico da Comunidade. Polo que reafirmou a súa aposta por seguir axudando aos autónomos “non só a través de apoio económico e axudas, senón facendo algo tan sinxelo pero complexo como esmarañar todo ese barullo burocrático que a veces teñen as administracións e que complica o emprendemento”.
Pola súa banda, o presidente da Confederación Empresarial de Hostalería e Turismo de Galicia e da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalaría de Lugo agradeceu a súa “agradecer ao presidente a súa disposición á escoita e a súa constante colaboración co sector”.
“É importante para nós porque estamos nun momento difícil debido á inflación e ao incremento de custos. Polo que esperamos seguir contando coa axuda e a colaboración do Goberno galego para facer fronte aos altos e baixos que se dean na situación económica”, afirmou.