O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou esta mañá o compromiso de Galicia para ser un territorio protagonista na produción e subministración de enerxía ao resto do mundo.
Así o afirmou logo da sinatura en Guitiriz co conselleiro delegado de Enagás, Arturo Gonzalo, do denominado Pacto pola Enerxía. Este acordo compromete á operadora
—líder en España na xestión e operación de infraestruturas de transporte de gas— a actuar como promotor do hidroduto entre Guitiriz e Zamora e a asegurar así a conexión enerxética da comunidade coa Península e Europa.
A empresa asume como obxectivo obter o recoñecemento deste nodo como Proxecto de Interese Común (PCI) para a Unión Europea e poder poñelo así en operación no 2030.
Segundo explicou o presidente, trátase dun “paso máis” nun proceso de transición enerxética “que xa está en marcha e ao que Galicia aspira a estar na cabeceira”.
Neste sentido, Rueda destacou que a comunidade reúne “todas as condicións para incorporarse a unha enerxía do futuro que xa é tamén do presente” e que non pode perder “unhas oportunidades que outros van aproveitar se as deixamos pasar”.
A sinatura do protocolo supón a incorporación de Enagás como empresa tractora na Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, o que permitirá ao sector dispoñer do seu coñecemento e experiencia, soporte técnico e accións de promocións. A Alianza xa conta con dez compañías e outros dez clústeres e asociacións que representan a máis de 700 entidades.
O titular da Xunta cualificou o Pacto pola Enerxía como un paso máis que se suma ao proxecto a curto, medio e longo prazo que xa ten en marcha a comunidade.