En Saavedra concítanse multitudes e soidade, con cambios radicais en cuestión de horas ou minutos. Multitudes, especialmente en maio, Os Milagres, nos dias grandes e fins de semanas inmediatos, e en setembro pola festa das Angustias, padroeira da parroquia. Se as festas da padroeira son sonadas e concorridas, ás dos Milagres acoden milleiros de ofrecidos, sendo as mulleres – sen dispoñer das imposibles estatísticas- absoluta maioría entre os que acoden a pe, conseguíndose un razonable equilibrio entre os que escollen comodidade no cumprimento da Promesa feita á Virxe.
Partindo do santuario, para as miñas camiñadas teño catro estradas principais que se van bifurcando ata formar unha rede que permite cada día unha ruta diferente.
Para romeiros, as vías principais desde a estrada Rábade-Vilalba son a carballeira que conta con acceso directo, e o alto inmediato que polas festas é ó único acceso posible. Pero ademais hai unha vía que antes de saír a dous puntos da estrada preto do empalme de Rábade, se bifurca para descubrir un Begonte máis íntimo, e outra máis que sae á capital do concello con catro opcións a elixir.
Por iso cada día descubro lugares novos e saúdo aos que ao comezo se sorprendían da miña presencia, pero xa se foron afacendo a min.
Esta fin de semana, camiñaba en familia por unha das miñas pistas deportivas, e cruzámonos con avóa, nai e filla, que nos saudaron cun aquel de curiosidade. Media hora despois cruzámonos de novo noutra das grandes vías de Saavedra, e o saúdo foi cun sorriso, como se xa fosemos vellos coñecidos. É o que ten peregrinar por terra afeita a acoller camiñantes.