O Boletín Oficial da Provincia (BOP) do día de hoxe, publica o comezo do proceso de licitación para autorizar a instalación de dúas casetas e dous caldeiros do polbo durante as festas do San Froilán para este ano, 2017 e os dous vindeiros (2018 e 2019). Tanto as casetas como os caldeiros son os números 1 e 3, os que correspondían na primeira licitación á empresa Bruxa Consulting, S.L.
Este proceso ábrese tras resolver a autorización concedido a Bruxa Consulting, S.L. por falta de pagamento en prazo das taxas de oferta, así como tras a incautación da garantía definitiva (o 5% do importe anual ofertado). Así mesmo, a entidade local resérvase o dereito a esixir danos e prexuízos a Bruxa Consulting, S.L. se a nova adxudicación quedase deserta ou se conseguise unha menor contía económica que a ofrecida por esta empresa para os tres anos aos que afecta a extinción.
Os prezos de saída para as casetas serán de 18.772,79 euros para a número 1, e 16.627,33 euros para a 3. En canto aos caldeiros: 11.714,22 para o número 1 e 10.375,46 euros para o 3. Os prezos das casetas e caldeiros, que se instalarán na rúa Vila de Foz, establécense en función da proximidade ao recinto feiral. As dimensións máximas das casetas serán de 33×8,80 metros e dos caldeiros do polbo, de 11×4 metros.
Tal e como establece o BOP, todas as persoas interesadas poderán presentar propostas durante 30 días hábiles no Rexistro Xeral do Concello, finalizando o prazo o día 23 de agosto. As instancias deberán ir acompañadas de dous sobres, un coa documentación administrativa e outro coa oferta económica. Para este ano, a montaxe poderase iniciar o día 11 de setembro e comezar a actividade o 29, manténdose en funcionamento ata o día 1 de novembro.