Samaín Servicios despide a dúas traballadora do SAF de Chantada que estaban de baixa médica

A empresa á que o Concello de Chantada lle adxudicou a xestión do Servizo de Axuda no Fogar, unha filial do Grupo Clece, vén de despedir, en plena pandemia e cunha diferenza dunha semana, a dúas das traballadoras do SAF que se atopan en situación de baixa por Incapacidade Temporal, alegando baixo rendemento. Para a CIG, ademais de irregular e ser motivo cando menos de improcedencia, esta actuación constitúe unha medida para amedrentar o resto de persoal, evitar que collan baixas e escarmentar a quen se atreva a reivindicar os seus dereitos.

Cómpre lembrar que o colectivo de traballadoras mantiveron unha folga e desenvolveron múltiples mobilizacións a finais de 2019 e principios do pasado ano para rexeitar o proceso de privatización do SAF, que o Concello efectivizou no mes de setembro. Este proceso foi unha sucesión de despropósitos até o punto de que a subrogación do persoal se realizou sen ningún tipo de garantía nin para as traballadoras nin para a prestación do servizo.

De feito, a CIG presentou dous conflitos colectivos, un contra a empresa por non respectar as condicións laborais e salariais que tiñan as traballadoras previamente, e outro contra o Concello ao entender que a privatización foi do persoal, non do servizo, “polo que podemos estar ante unha cesión ilegal de traballadoras”, advirte Xosé Manoel Silva, responsábel da CIG de Monforte.

Silva subliña as incertezas que a decisión empresarial xera entre as traballadoras, pois temen que haxa máis despedimentos baixo o mesmo argumento. Curiosamente, engade Silva, Samaín despediu a dúas traballadoras cunha baixa de longa duración e que no seu día xa presentaran denuncias contra o Concello de Chantada e que gañaran sentenzas de indefinición.

Por iso, entende que estamos ante unha medida cun carácter exemplarizante para o resto de compañeiras do SAF. A este respecto, a CIG apunta á responsabilidade do Concello por privatizar este servizo esencial baixo a escusa de que ía mellorar “cando o vemos como vai a peor, como se despide persoal nun momento como o actual no que habería que reforzar o servizo, e como se deterioran os dereitos das traballadoras e a atención ás persoas usuarias”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com