San Fernando, museo de Roma en Lugo

O venres participei nunha xuntanza de colectivos lucenses convocada pola Federación de Comercio, con San Fernando como tema central, e quedei gratamente sorprendido pola unamidade demostrada en relación co Museo da Romanidade en Lugo por parte dos presentes.

Convencidos todos de que Lugo precisa un Museo dedicado á Roma que nos conquistou, nos fixo entrar na historia, e segue viva baixo os nosos pes, chegamos á conclusión de que ten que ser unha entidade viva onde se investigue e se interprete, onde se divulgue e se proclame a riqueza histórica que posuímos e os beneficios –culturais, sociais e económicos!- que para a cidade vai supoñer unha instalación para a que temos milleiros de achádegos arqueolóxicos durmindo un sono inxusto do que teñen que despertar para nunca máis durmir.

A min gustábame San Fernando para Auditorio, e non puido ser. Pois engaiólame a idea de que o Museo romano de Lugo se instale –vella idea- en San Fernando, por estar dentro da Muralla, sobre xoias aínda descoñecidas, e porque fará entrar polas dez portas pétreas da cidade milleiros de interesados na historia, na cultura, na gastronomía e na vida dunha comunidade que nós sabemos que existe, pero precisa de inxeccións dalgún componente vitamínico para facela reaccionar e revivir.

Poucas veces, na miña vida xornalística e de relación social, teño contemplado unanimidade coma a que nas que podemos chamar “forzas vivas” da cidade se rexistrou nesta xuntanza de interesados no futuro Museo. Agora, o que fai falla, é interesar no tema a todos os lucenses, comezando pola información ata chegar á convicción.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com