Galicia Digital, con motivo da festa de San Froilán, incorpora á súa Biblioteca Virtual o libro SAN FROILÁN, de Xulio Xiz.
Publicado pola Xunta de Galicia, con motivo do Xacobeo 99, é un percorrido pola historia e a lenda de Froilán, o lucense que acadou a santidade, padroeiro de Lugo e de León, visto especialmente desde a súa perspectiva humana, con atención especial ao seu paso por este mundo estudando, predicando, facendo prodixios…
No caso de Froilán, a lenda domina a cotío á propia historia, que por mor do tempo transcorrido, naceu no lucense Regueiro dos Hortos o ano 833, provoca distorsións e silencios, desalumeamentos e paixóns, que só a lenda pode abranguer pero en nada diminúen a realidade da existencia do santo, e a devoción especial que Lugo sente polo seu padroeiro.
Desde agora, a través da Biblioteca Virtual de Galicia Digital pódese acceder ao contido íntegro do libro, para a súa consulta ou impresión. Asemade invitamos a todos os autores que posúan libros esgotados ou de difícil acceso e que os queiran poñer ao dispor do público, contacten Galicia Digital para a inclusión nesta Biblioteca, de acceso gratuíto, para que as súas obras non queden no esquecemento.