A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reuniuse hoxe co delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, o xerente da Área Sanitaria, Ramón Ares e responsables de Abanca para avanzar no novo centro de saúde no Sagrado Corazón.
A entidade financeira adiantou no encontro que se encargará de dar traslado ao seu Padroado da proposta emitida por ámbalas dúas administracións.
A rexedora lucense acadara a semana pasada o compromiso do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para construír un novo ambulatorio neste barrio da capital.
Lara Méndez expuxéralle nese encontro a necesidade de mellorar as instalacións tendo en conta a situación do actual centro, que atende a case 7.000 persoas – na súa maioría xente maior – pero que non reúne as mínimas condicións esixibles xa que a pesar de estar nun baixo, o inmoble conta con dous niveis de escaleiras dificultando e mesmo imposibilitando o tránsito para cadeiras de rodas e carriños de bebé.
Neste senso, a alcaldesa da cidade reiterou esta mañá a solicitude unánime da Corporación para intentar que o centro de saúde se constrúa nas parcelas onde agora está o colexio público, que previsiblemente se trasladará no vindeiro curso escolar para as súas novas instalacións, tendo en conta que “se trata dun terreo moi amplo e dotacional, e non queremos que as actuais dependencias queden baleiras porque poden supor un serio risco de degradación para o barrio”, concluíu Lara Méndez.