A Consellería de Sanidade comezará a partir de mañá a vacinación masiva das persoas que naceron entre os anos 1942 e 1946, así como entre 1956 e 1961. Nestes casos a convocatoria farase atendendo a criterios de idade, comezando polos maiores.
No caso dos nados entre 1942 e 1946, que recibirán a vacina de Pfizer, vanse citar 11.600 persoas na área de Lugo, A Mariña e Monforte mediante un SMS con confirmación hoxe mesmo e cunha chamada robótica con confirmación mañá martes día 6. Así mesmo haberá unha chamada dende os equipos de citación o mércores, tan só aos que non teñan confirmado a súa cita polo SMS ou a chamada robótica. Estas vacinacións terán lugar entre o xoves e o domingo día 11.
No que atinxe aos nados entre 1956 e 1961, que recibirán a vacina de AstraZeneca, citarase a 7.100 persoas por medio dun SMS que non precisará confirmación. Finalizada cada xornada, chamarase aos non asistentes para citalos nos seguintes días dispoñibles. Estas vacinacións terán lugar entre a tarde de mañá martes e o mércores día 7, agás Ferrol onde se vacinará entre o mércores e o xoves.
Os puntos de vacinación en ambos casos serán no Hula, e nos hospitais da Mariña e Monforte.