Sanidade comprométese a executar o novo centro de saúde para o Sagrado Corazón

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, aproveitou esta mañá os actos de celebración do X aniversario do Hospital Lucus Augusti para manter unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que xa tiña solicitado con anterioridade, co fin de trasladarlle ao dirixente galego a demanda social existente na cidade que reclama un novo centro de saúde para o Sagrado Corazón.

O responsable autonómico amosouse receptivo a esta solicitude e comprometeuse a avanzar na súa construción, coñecedor da situación na que se atopa o actual centro. A rexedora lembrou que “as actuais instalacións non reúnen as mínimas condicións esixibles xa que o ambulatorio atópase nos baixos de dous edificios do polígono, nun antigo almacén de Caixa Galicia dende hai 25 anos, a pesar de que esta localización se anunciou no seu día como algo provisional”.

“A pesar de estar nun baixo, o inmoble conta con dous niveis de escaleiras dificultando e mesmo imposibilitando o tránsito para cadeiras de rodas e carriños de bebé. Unha situación que deriva en queixas e solucións improvisadas”, abondou a rexedora.

Neste senso, Lara Méndez trasladoulle ao conselleiro a solicitude unánime da Corporación para intentar que o centro de saúde se constrúa nas parcelas onde agora está o colexio público, que previsiblemente se trasladará no vindeiro curso escolar para as súas novas instalacións. “É un terreo moi amplo e dotacional, e non queremos que as actuais dependencias queden baleiras porque poden supor un serio risco de degradación para o barrio”.

O conselleiro tamén amosou a súa receptividade para que esta ubicación fose a primeira opción a valorar, e será a propia Xunta, segundo sostivo o conselleiro, a que se poña en contacto cos propietarios, antiga Fundación Caixa Galicia, actual Abanca, para alcanzar un acordo sobre as parcelas.

A alcaldesa agradeceu o compromiso de Julio Comesaña co barrio do Sagrado Corazón e coa cidade. “Despois dos case trinta anos que leva construído este centro de saúde, era hora de adoptar unha decisión comprometida para dotar este barrio dunhas instalacións sanitarias accesibles, sen barreiras arquitectónicas para as case 7.000 persoas usuarias que ten asignadas este centro, co agravante de que se trata de poboación maioritariamente envellecida e con gran arraigamento ao seu barrio”, sinalou Lara Méndez.

En 2001, o Concello de Lugo xa puxera a disposición do Sergas para o centro de saúde os terreos da antiga Campsa – nos que logo se construíu o parque das inmediacións da estación de tren – mais ese non foi o único intento da administración local para acadar a dotación, xa que dende 2008 promovéronse diversas xuntanzas con responsables de Sanidade e do Sergas e incluso na primeira reunión da Comisión Técnica de Coordinación do Servizo Galego de Saúde e Concello de Lugo se abordou esta pretensión, tal e como recordou a alcaldesa, que igualmente fixo referencia a que xa en 2013 a consellería anunciara a existencia de fondos para este cometido.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com