O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu, xunto ao seu equipo, esta mañá para informar das novas medidas que o Comité Clínico recomendou no día de onte ao Goberno Galego en función do avance do virus trala ponte de San Xosé e a Semana Santa. Así, segundo informou hai uns minutos García Comesaña o gran cambio nas restricións é a posibilidade, dende este sábado día 10, de celebrar reunións con non conviventes en lugares privados que quedarán limitadas a 4 persoas en interiores e 6 en exteriores.
En canto ás restricións por concellos, na provincia de Lugo, dende mañá, xoves, O Saviñao voltará ao nivel medio- baixo de limitacións, no que se atopa o resto da provincia, mentres que A Pobra do Brollón e Rábade continuarán no nivel alto.
Con estas medidas, Galicia volve a situarse na mesma situación que antes da Semana Santa. Estas novas medidas, segundo confirmou Comesaña entrarán en vigor en distintas datas. Mentres que as limitacións dos Concellos, no caso da nosa provincia só do Saviñao, cambiarán esta mesma noite, as modificacións no relativo a reunións entre non conviventes terán lugar a partir deste sábado, 10 de abril ás 00.00.