Un dato obxectivo e incuestionable é que nestes últimos anos, Galicia avanzou de xeito significativo na ampliación e mellora dos seus servizos sanitarios, en particular, aos que teñen que ver coa saúde da muller.
Medidas como a extensión ao conxunto do territorio do cribado de cancro de cérvix ou a ampliación ata o 74 anos do cribado de cancro de mama, supuxeron un paso adiante na detección precoz destas enfermidades e, deste xeito, máis posibilidades de curación.
Cómpre seguir dando pasos a favor dunha abordaxe que afronte a saúde das mulleres de forma integral e en todas as etapas da vida. Dispoñer da carteira de servizos máis completa é o obxectivo primordial do proxecto liderado polo presidente Alfonso Rueda.
Así, na vindeira lexislatura estenderemos o cribado de cancro de mama ás mulleres de entre 45 e 50 anos, para detectar predisposición xenética e poder anticiparnos con medidas preventivas ou correctoras.
Tamén apostaremos polo dereito da muller a ser nai, ampliando ata os 45 anos a idade límite para o acceso á reprodución asistida na sanidade pública e reforzaremos o papel das matronas de atención primaria na preparación ao parto, lactancia e postparto.
As matronas e os centros de orientación familiar do Sergas liderarán un novo programa de atención á saúde menstrual que axude á diagnose precoz de enfermidades como a endometriose ou a osteoporose, achegue información sanitaria ás mulleres en etapas de puberdade ou menopausa e organice actividades formativas nos eidos comunitario e educativo que normalicen estes procesos.
O programa de Goberno de Alfonso Rueda inclúe tamén a creación dunha unidade multidisciplinar de fibromialxia coa finalidade de que acelere o diagnóstico desta enfermidade e ofreza unha mellor atención sanitaria a quen sufre esta doenza.
Queremos tamén reforzar as prazas nas unidades de atención a pacientes con trastornos da conduta alimentaria e financiar desde a sanidade pública tratamentos como as cremas solares para pacientes de lupus, respondendo a unha necesidade sanitaria desta poboación.
En definitiva, faremos da muller e das enfermidades propias ou prevalentes do xénero feminino obxecto da nosa atención prioritaria, convencidos de que a Galicia que funciona -a que lidera Alfonso Rueda- require tamén unha aposta decidida pola sanidade, en clave feminina.
Encarna Amigo Díaz
Deputada, voceira de Sanidade do Grupo Popular