Santín afirma que os resultados das municipais son os mellores en anos para os socialistas

“Son os mellores resultados de toda a historia do Partido Socialista na provincia”.Estas foron as palabras do secretario Provincial do PSOE en Lugo –Juan Carlos González Santín-, logo de valorar os resultados da xornada electoral de onte.

O PSOE manten todas as alcaldías existentes, agás a de Monterroso, e gaña outras dez. O dirixente dos socialistas sinalou que “os cidadáns falaron alto e claro. Decidiron co seu voto seguir na senda do progreso baixo os gobernos progresistas, tanto na Deputación como en moitas alcaldías”.

“Sen dúbida, gañaron os lucenses e os veciños desta provincia. Gañaron as persoas que queren gobernos que pensen nas persoas”, indica Santín e engade que, grazas a este apoio, o Partido Socialista conseguiu revalidar a Deputación por terceiro mandato consecutivo. “Por iso, quero dar as grazas a todos os lucenses que exerceron o seu dereito ao voto porque, con independencia do partido que apoiaron, contribuíron a exaltar a democracia: a mellor oportunidade que temos os cidadáns de facernos escoitar”, afirmou o secretario Provincial.

“Traballamos duro e sentimos o apoio da cidadanía. Por iso, creo que mereceu a pena”. A este respecto, o secretario Provincial destacou que “o estilo de campaña levado a cabo estivo marcado pola proximidade, o diálogo e a participación dos veciños e veciñas”; un estilo, sinalou, “que marcará tamén os gobernos locais acadados”. En definitiva, subliñou, “foi unha campaña limpa e transparente”.

Asemade, engadiu que neste período “escoitamos a todos, fomos a todas as comarcas e a practicamente a todos os concellos. Por iso, dende aquí agradezo, unha vez máis, a confianza depositada e xa lles digo que non os imos a defraudar”, afirmou González Santín. Tal é así, que “dende hoxe mesmo xa comezamos, e xa comecei, a traballar para situar a un socialista na presidencia do Goberno e, dentro dun ano e medio, a José Ramón Gómez Besteiro na Xunta de Galicia”, conclúe.

Logo da análise dos resultados, o PSOE aumenta con respecto a 2011 o número de concelleiros en cinco dos seis partidos xudiciais, que son os seguintes: A Fonsagrada, Lugo, Mondoñedo, Monforte e Vilalba, así como o número de edís en 33 municipios (Antas de Ulla, Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte, Portomarín, Fonsagrada, Navia de Suarna, Ribeira de Piquín, Baralla, Becerreá, Castroverde, O Corgo, O Incio, Láncara, Meira, Pol, Abadín, Burela, Lourenzá, Mondoñedo, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, Viveiro, Quiroga, Ribas de Sil, Begonte, Cospeito, Guitiriz, Vilalba e Xermade).

Doutra banda, os socialistas acadaron maiorías absolutas en 17 concellos: A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Burela, Lourenzá, A Pontenova, Trabada, Ribas de Sil, Becerreá, Castroverde, Cervantes, O Incio, Meira, Pedrafita do Cebreiro, Pol e Samos.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com