O Deputado en funcións de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos, clausurou este luns o curso 2014-2015 da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS), o único centro público na provincia que imparte ensino superior da rama audiovisual.
Os alumnos de primeiro de Produción foron os encargados da organización do acto, no que tamén participou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e os alumnos de Realización da súa emisión en directo por streaming, como unha das súas prácticas nun escenario real, un dos sinais de identidade do modelo educativo da EIS de Lugo.
No balance destes oito anos, Santos, patrón asemade da TIC, dixo sentirse “especialmente orgulloso de que unha das primeiras decisións cando nos puxemos ao fronte da Deputación fora establecer a matrícula gratuíta na Escola de Imaxe e Son. Nós cremos nun ensino público de calidade e defendemos a igualdade de oportunidades como un dereito básico dos cidadáns. Isto implica ter moi claras cales son as prioridades á hora de investir, e nós témolas”.
Lara Méndez destacou “sentirse orgullosa e partícipe do labor desenvolvido dende a Deputación coa Escola de Imaxe e Son neste últimos anos”. Méndez subliñou a aposta do Concello pola educación pública de calidade, recalcando que “a educación é o progreso e a garantía de igualdade de oportunidades reais”.
A matrícula para o curso 2015- 2016 será gratuíta por oitavo ano consecutivo. O prazo de preinscrición remata o 25 de xuño. A lista definitiva de admitidos publicarase o 3 de xullo e o prazo de matriculación será do 6 ao 17 do vindeiro mes, na sede do centro educativo en horario de mañá. Os interesados teñen toda a información en www.fundaciontic.org