O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, subliñou que “hai que ter moi pouca vergonza para vir a Lugo a pedir o voto despois de non traer nada e paralizar todos os proxectos importantes para a cidade e a provincia. Hai que ter capacidade para non poñerse vermello cando non fixeron nin un só investimento claro na nosa provincia. Teñen a cara moi dura. En vez de vir a Lugo cos deberes feitos, veñen con promesas. Coas mesmas promesas que hai 10 anos”. Díxoo tras a visita de Rajoy e Feijóo á capital lucense.
“O PP dende a Xunta de Galicia e o Goberno Central bloqueou sistematicamente iniciativas fundamentais para o desenvolvemento da cidade. Teñen débedas históricas con todos os lucenses e teñen a pouca dignidade de achegarse a Lugo para tratar de enganar aos veciños coas mesmas mentiras de sempre. Porque, onde está a Rolda Leste? E o Plan Paradai? Quen anulou o proxecto da intermodal? E o Museo da Romanización? Quen puxo trabas para dotar de novos servizos ao barrio da Residencia? Quen paralizou a construción da Rolda Norte? E a chegada do AVE? Quen suprimiu as áreas sanitarias? Quen impuxo o copago farmacéutico? Sempre foron os mesmos: o PP”.
“Os lucenses xa non se creen nada do que diga o Partido Popular de Feijóo, de Rajoy e de Carballo. O seu crédito está esgotado hai moito tempo. A sociedade falou moi claro o pasado 28 de abril e o fará outra vez este domingo. Non queren máis recortes en sanidade e educación, non queren máis abandono das nosas comunicacións, non queren máis mentiras. Están fartos de que os castiguen constantemente, de que os traten como cidadáns de segunda”.
Mai 24, 2019 - 09:55 PM
Exacto!! Mira que foi falar. Vaite para Friol a acabar o que deixa te de facer.