Santos Ramos acusa a Balseiro de “contaminar a opinión pública con mentiras”

O voceiro da Deputación, Álvaro Santos Ramos, respondeu hoxe ás críticas vertidas polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, nunha entrevista nun medio de comunicación. Balseiro criticaba a cantidade de fondos provinciais que recibía, por parte do executivo, o Concello de Lugo.

Pois ben, Santos Ramos decidiu hoxe, tras a rolda de prensa para dar a coñecer os asuntos tratados na Xunta de Goberno provincial, responder duramente ás verbas do delegado da Xunta. Para o voceiro da Deputación, a Xunta está a “desprezar” aos 100.000 veciños de Lugo, ao igual que o propio Balseiro, “enganando e contaminando a opinión pública sempre con mentiras”. E lamentou que o delegado non defenda “os intereses dos veciños do Concello de Lugo como sempre seguirá a facer a Alcaldesa e este Goberno da Deputación”.

Álvaro Santos lembrou os proxectos que a Xunta ten pendentes para coa cidade de Lugo como poden ser o Plan Paradai, a Intermodal, o Museo da Romanización “proxecto que apoiaba Fraga”, ou a execución da Rolda Leste “compromiso e obriga daXunta sobre o que nada sabemos”; e engadiu a gran petición popular dos últimos anos “dotar ao hospital de Hemodinámica 24 horas”.

O que demostra Balseiro, na opinión do Secretario Provincial Socialista é que “o único que lle preocupa do Concello de Lugo é facer a máxima propaganda do Señor Carballo para metelo como sexa, con calzador, na alcaldía de Lugo”. Pero o socialista non se quedou só aí e recomendou a Balseiro e ao subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, que se “preocupen” de dotar á Policía Nacional dos axentes necesarios.

“Deberían explicar porque Lugo non conta cunha Unidade de Prevención e Reacción que a Dirección Xeral da Policía Nacional si dotou ás restantes provincias de Galicia. Deberían explicar porque o PP decidiu que en Lugo este servizo de orde público sexa asumido pola Unidade de Intervención Policial da Coruña. Por que o PP quere que os lucenses dependamos do servizo de Hemodinámica as 24 horas e do servizo de seguridade cidadá da Coruña. Que explicación nos teñen que dar Baleiro e Carballo, como máximos representantes da Xunta e do Goberno Central do Partido Popular en Lugo? Que se deixen de contos e que comecen a traballar polos intereses dos lucenses”, asegurou Santos Ramos quen reiterou os cargos dos dous dirixentes para remarcar a súa importancia.

“Sen preocupación algunha polos lucenses por parte de Balseiro e de Carballo, insisto por parte dos máximos representantes destas dúas institucións dirixidas polo Partido Popular ; aínda por riba temos que ver que para o PP está mal que a Deputación axude aos 100.000 veciños do Concello de Lugo. Pois alguén terá que facelo, non? Porque da man do PP non recibimos máis que desprezo, mentiras, manipulacións e ata burlas”, declarou o voceiro provincial.

Santos Ramos, para concluir, volveuse de novo, contra o delegado lembrándolle o cargo que ocupa, do que dixo “non é un cargo para caciquear, para retrotraer á política aos anos máis miserables e máis escuros da nosa historia, onde vemos ao PP e ao señor Balseiro practicando o máis miserable da política, que é ir a un Concello tentar convencer aos seus veciños e veciñas de que teñen unha escola grazas ao Partido Popular, cando iso se conseguiu con moito sacrificio e moito custe para moitos veciños e veciñas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com