A Alcaldesa e candidata socialista á Alcaldía de Lugo, Lara Méndez, presentou á Asamblea Local a súa proposta de lista para as eleccións municipais avanzando que é “un equipo de 25 persoas moi ilusionado e ilusionante, preparado, con experiencia, con gran capacidade de xestión e cun forte compromiso por Lugo e polo proxecto e modelo de cidade que representa o equipo socialista” sostivo. E resaltou que, sobre todo, “é un equipo de xente excelente, de boa xente, un valor esencial porque a boa xente quere a Lugo, e Lugo quere, e necesita, boa xente”.
A rexedora destacou especialmente o perfil de forte compromiso dos candidatos e candidatas da súa lista, fronte a outras listas, matizou, “nas que recalan, como estamos a ver, persoas arribistas e con intereses máis personalistas que de cidade”.
Méndez explicou que os e as candidatas da súa proposta configuran unha lista paritaria que se presenta para gañar as próximas eleccións municipais, “para afrontar un momento delicado no que Lugo debe decidir se aposta por seguir transformando Lugo” pero cun Goberno forte, que lle permita avanzar “mellor e máis deprisa” no seu modelo de cidade “diverso, máis xusto socialmente, máis inclusivo, accesible, ecolóxico, con valores feministas e integradores” fronte a actual situación, “cunha oposición que apostou estes 4 anos pola deslealdade coa cidadanía ao intentar frear o crecemento que Lugo necesita só por intereses electoralistas”.
Os candidatos
A lista intégrana persoas de distintas profesións, procedentes do sector público e do privado, de idades diversas, da contorna rural e urbana, “ao igual que ocorre coa realidade de Lugo, e con proxectos de vida xa moi implicados na consecución dunha sociedade mellor”, destacou a alcaldesa e candidata. Presentou unha lista moi renovada, que inclúe persoas tamén independentes, “ás que agradecemos, pola súa valía, que se impliquen co noso proxecto”, destacou Lara Méndez.
Entre as novas incorporacións destaca o número dous, o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; e a número tres, a Presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arela, e conselleira da USC no Consello Social, Paula Alvarellos Fondo. Seguindo a lista, nos postos catro e cinco son os actuais concelleiros, Miguel Fernández (Deportes) e Ana González Abelleira (Benestar Social, Igualdade e Inclusión).
Mauricio Repetto, psicólogo sanitario, e presidente de AJE Lugo; é outro dos nomes que se estrean na lista. Repetto Morban presentaráse na lista socialista pero é independente, ao igual que a matrona de Atención Primaria no Centro de Saúde de San Roque, Olga López Racamonde. Miguel Couto Alonso, Silvia Alonso Pérez e Pablo Permuy Villanueva, completan os primeiros dez números da lista.
Entre os restantes apoios de Lara Méndez para as municipais, están recoñecidos ediles do Concello de Lugo, entre outros. A lista se completaría cos seguintes nomes:
11. Rosana Rielo Rozas
12. Manuel Núñez López
13. Carmen Méndez Mazoy
14. Carlos Méndez Castro
15. Vanessa Martínez Quiroga
16. Jesús Darriba Burgo
17. María Pilar Seoane Casanova (independente)
18. Jaime Roda Barrera
19. Rosana Elisabeth Almonte Núñez
20. Gerber Martínez Polanco
21. Ruth León Gabarri (independente)
22. Fco. Javier Rodríguez Carrasco
23. María Carmen Santos Penas (independente)
24. Daniel Piñeiro Villares
25. Carmen Basadre Vázquez