Santos Ramos: “dixen que hai que ser sen vergonza por presumir destes orzamentos e ratifícome”

Os socialistas da provincia de Lugo, encabezados polo seu Secretario Xeral, Álvaro Santos Ramos, compareceron hoxe en rolda de prensa para presentar “os recortes” nos investimentos “reais” na provincia de Lugo que o PP, na Xunta, realizou nos últimos anos. O socialista, comparou os orzamentos autonómicos destinados á provincia feitos polo Goberno autonómico gobernado polo PSOE e polo PP, respectivamente.

Segundo, explicou Santos Ramos,  informes públicos de asociacións de construtores e empresarios reflicten que, no 2008, co PSOE no goberno galego, a Xunta de Galicia licitou 209 millóns de euros en obra pública na provincia de Lugo. No 2009, (co PSOE no executivo autonómico ata a metade dese ano e o PP nos restantes meses), esta foi de 152 millóns. “Dixen que hai que ser ben sen vergonza por presumir destes orzamentos para Lugo. E ratifícome porque prefiro faltar ao respecto a Feijóo, se se da por aludido, e ao Partido Pop ular, que a todos os veciños de Lugo”, remarcou o secretario provincial.

No 2017, data do último estudo, reduciuse aos 21,3 millóns. “Son 187,7 millóns menos en 10 anos, que reflicten unha redución do 90% nos investimentos reais”. O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, a Presidenta do partido e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Secretario de Política Municipal e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, amosaron hoxe como o Partido Popular fixo este “evidente recorte”, dando conta do que fixeron os populares con algúns dos proxectos que o Partido Socialista impulsou na provincia.

Entre os exemplos, os socialistas destacaron a reducción de investimentos no Hula, na Ronda Leste, no Plan Paradai, na Intermodal, no Barrio da Residencia ou no Corredor Nadela-Sarria e o seu desdobramento integral, entre outros moitos..

Segundo explicaron, o PSOE no goberno da Xunta modificou o proxecto inicial de construción do HULA para incorporar a dotación de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear, prestacións que xa non incluíu o anterior executivo do PP. Os socialistas puxeron en marcha as obras, deixando practicamente listo o edificio e 39 millóns no orzamento para rematalo e equipalo. No presuposto de 2010, o PP recortou esta partida ata os 18 millóns. “Quitou 21 millóns de euros para este fin e abriu o Hospital sen imprescindibles servizos sanitarios“, explicou Santos.

Noutro eido, os socialistas lembraron como, en febreiro de 2009, Touriño avanzou a licitación do proxecto construtivo da segunda fase da Ronda Leste, que inclúe o treito dende a estrada da Fonsagrada á Tolda de Castela, un proxecto que, no seu momento, recolleu o  BOE. “O PP suprimiu este proxecto dos orzamentos da Xunta. Quedaron sen facer as obras duns 18 millóns que proxectara para Lugo o Partido Socialista”.

“O PSOE fixo realidade o Plan Paradai, que data de 1999, dende a Xunta e o Concello de Lugo, comprometendo 15 millóns do goberno autonómico. Executou con 6,4 millóns de euros as primeiras 3 fases. En marzo de 2009, autorizou a 4ª e última fase no Consello da Xunta con outros 8,3 millóns. O PP tardou 7 anos en executar 3,5 millóns para a nova Ponte de Paradai. Dende entón, non fixo nada, quedando pendentes varias actuacións por valor de 4,8 millóns. O Plan Paradai trátase, precisamente, do inicio para dotar a Lugo da súa estación intermodal.

“Foron os socialistas os que, dende o Goberno Central e o Concello, acordaron a contratación da redacción deste proxecto con máis de 600.000 euros. O PP anulou o contrato da Intermodal dende o Executivo do Estado no 2012 e agora dende a Xunta só achegan ao mesmo 30.000 euros para o 2019. Segundo dixo publicamente Balseiro, este proxecto custará 6,5 millóns. Se o PP segue co mesmo ritmo inversor, a intermodal tardará 180 anos”, aclarou Santos Ramos.

Os socialistas tamén sacaron a relocir o proxecto do barrio da Residencia. “O PP mantivo o barrio no olvido durante 7 anos, dende que pechou o Vello Xeral no 2011. Tras as presións veciñais, comprometeuse cun proxecto de 19 millóns dende a Xunta e coa construción dunha comisaria dende o Goberno Central para a que nunca deixou orzamento”, explicaron os socialistas, un debate que, aínda está no aire e que os veciños cualifican de “arma arroxadiza entre PP e PSOE”.

Pero as críticas e, segundo os socialistas as rebaixas, non se dan só na capital, segundo explicaron na rolda de prensa, en canto a VAC da Zona Norte, “todo o executado ata o momento foi aprobado polo PSOE”, pois o DOG do 9 de xaneiro de 2009, cos socialistas na Xunta, publicaba a licitación con 50 millóns das obras do único treito feito: o que discorre entre Celeiro e San Cibrao, un total de 8 quilómetros. “O PP tardou en facer estas actuacións 8 anos, executando 1 quilómetro por ano”. Ademáis criticaron que o executivo autonómico non desenvolver ningunha acción na Variante de Viveiro.

Tamén en infraestruturas, os socialistas lembraron o caso do Corredor Nadela Sarria e o seu desdobramento integral. Un proxecto que, segundo explicaron, o PSOE na Xunta executou con máis de 100 millóns de euros, mentres que o PP “non fixo nada”. Nos orzamentos presentados para o 2019 o executivo autonómico inclúe unha partida de 1 millón de euros para un desdobramento parcial entre a Pobra e Sarria. “Quedarían 22 millóns e facer o desdobramento integral que piden os veciños”. Tamén a parte deste corredor que transcorre entre Sarria e Monforte foi, segundo o PSOE, mérito deles mesmo. “As obras arrancaban no 2009 e o PP non as rematou ata 2015”.

“Dende que o PSOE no Goberno galego destinou máis de 100 millóns de euros para mellorar as infraestruturas da Montaña, esta comarca, non volveu a recibir investimento algún da Xunta”, explican os socialistas que aclaran que foi o seu partido quen mellorou certas estradas como a LU- 722 e a LU-710 cun total conxunto de preto de 24 millóns de euros. “Non hai investimentos para a Montaña, pero tampouco hai nada nos presupostos para a Comarca de Chantada”.

Con todo isto, Santos Ramos apuntou que “só atendendo a algúns dos grandes proxectos que o Partido Socialista no goberno da Xunta impulsou na provincia, os que se poden cuantificar, nas contas autonómica de 2019 para Lugo faltarían cando menos 87 millóns. Manteremos encontros nas Comarcas para recoller as inquedanzas dos veciños de todos os Concellos e elaborar as emendas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com