Sarria decidirá o final da volta ciclista a Galicia O Gran Camiño, que pretende recuperar un espazo propio para o ciclismo profesional galego no calendario internacional. O centro histórico da vila será a meta da cuarta e última etapa da ronda galega, que conta co patrocinio da Deputación de Lugo e que se celebrará o vindeiro 27 de febreiro.
O deputado de Deportes e o organizador do evento fixeron o anuncio esta mañá nun acto no que participaron os exciclistas profesionais Óscar Pereiro e Alejandro Paleo e o concelleiro de Seguridade Cidadá sarriao, Félix Seijas, e no que se avanzou tamén que a etapa sarriá será unha contrarreloxo.
O titular provincial de Deportes subliñou que “acoller a final do Gran Camiño, que suporá o regreso do pelotón internacional a Galicia, colocará a Sarria no foco do mundo do ciclismo, reforzando tamén a súa proxección como punto de referencia do Camiño de Santiago”. Nese sentido, sinalou que “un percorrido que ten como referencia a ruta xacobea tiña que pasar necesariamente por Sarria onde, engadiu, existe tamén unha importe afección ao ciclismo”.
Ademais da repercusión local e comarcal, o responsábel de Deportes explicou que “co impulso a este evento, desde a Deputación de Lugo queremos contribuír a recuperar o pulo do ciclismo profesional galego despois de anos sen estruturas e probas propias” e remarcou “o interese que ten para o país e para a promoción do deporte base ter referentes profesionais”.
O organizador do evento explicou que “o casco histórico de Sarria supón un escenario icónico para o final do Gran Camiño” e agradeceu a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para sacar adiante o evento que, avanzou, contará con equipos UCI Pro Tour, que forman parte dos pelotóns das grandes probas internacionais.
O Gran Camiño pretende recuperar para Galiza unha proba ciclista profesional por etapas con proxección internacional como a que acadou no seu momento a Volta a Galicia, que disputaron nomes históricos do ciclismo como Miguel Induráin, Abraham Olano, Marco Pantani ou Laurent Jalabert, entre outros, e que, xunto á existencia dun equipo profesional, o Xacobeo Galicia, supuxo unha etapa dourada para o ciclismo galego.
Os ex ciclistas profesionais Óscar Pereiro -gañador do Tour en 2006- e o viveirense Alejandro Paleo, que participaron na presentación do evento, evocaron esa etapa e sinalaron o potencial destes eventos como “viveiro” de ciclistas.
O Gran Camiño: do 24 ao 27 de febreiro
A etapa en Sarria será a derradeira desta primeira edición do Gran Camiño, que se disputará do 24 ao 27 de febreiro e que contará con outras tres etapas: unha por provincia. En Pontevedra, onde se iniciará a ronda, a etapa discorrerá entre O Porriño e Vigo. Na Coruña, o punto de referencia da etapa será O Ézaro. Mentras, en Ourense, a saída estará en Maceda e a meta en Luíntra. A organización confirmou a participación na proba de equipos como o Movistar, Cofidis, Euskaltel-Euskadi, Start Up Nation, Education First ou Tavira.