O número de casos activos na área sanitaria de Lugo aumentou en 24 nas últimas 24 horas e suma un total de 278 infectados por coronavirus, tal e como deu a coñecer a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, na súa última actualización.
En canto ao número total de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.148, o que supón 153 máis que no día de onte; deles 1.167 son da área da Coruña, 278 da de Lugo, 195 da de Ourense, 96 da de Pontevedra, 143 da área de Vigo, 172 da de Santiago, e 97 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 8 están en UCI, 63 en unidades de hospitalización e 2.077 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.815 persoas curadas, rexistrándose 631 falecementos. Os últimos falecementos corresponden a dúas mulleres de 91 e 89 anos, e un home de 92, todos da área sanitaria da Coruña, e con patoloxías previas. O número de PCR realizadas é de 299.022.
Asemade, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde da Consellería de Sanidade pola que se regula o sistema de información ‘Passcovid’, que desenvolve a Xunta de Galicia, como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola covid-19.
A aplicación ‘Passcovid’ actuará como canle telemática e preferente de contacto con residentes e transeúntes en Galicia, conectada co Servizo de Saúde e a Central de Rastrexo de contactos e a aplicación estatal RadarCovid, como un complemento para o traceo automático de contactos. A través de “Passcovid” recibirase o código alfanumérico que debe introducirse en RadarCovid no caso de que, de forma voluntaria, a persoa desexe reportar o positivo.
Así mesmo, entre as funcionalidades que integran á aplicación galega tamén se atopan a de achegar información relevante e consellos sobre a evolución da covid-19 en Galicia, anunciar a adopción de medidas ou os protocolos vixentes, e mesmo trasladar recomendacións sobre o xeito de como afrontar a actual situación sanitaria.
O novo sistema de información, en fase de pilotaxe actualmente, estará dispoñible para as persoas usuarias a través dunha aplicación para dispositivos móbiles, e poderá ser utilizado por calquera persoa, maior de idade, que resida ou se atope temporalmente na nosa comunidade. Neste senso, o acceso e uso da aplicación por menores de idade está limitado a aquelas funcionalidades do sistema que non requiran do tratamento dos seus datos persoais. Nestes casos, e de acordo co artigo 7 da Lei Orgánica de Protección de Datos, será necesario o consentimento, ben do menor cando sexa maior de 14 anos, ou ben do seu pai/nai, titor/a, cando se trate menor de 14.
Cómpre subliñar que tanto a instalación da APP como a habilitación de cada unha das súas funcionalidades e o seu uso, serán sempre voluntarios, garantindo a privacidade e confidencialidade dos datos que se insirán na mesma.
As persoas que descarguen a aplicación ‘Passcovid’, poderán optar por facelo mediante un perfil personalizado, ou ben, por un perfil anónimo. No primeiro dos casos, os usuarios que desexen rexistrarse poderán facelo por medio da identificación segura Chave365, recibindo alertas, mensaxes e consellos prácticos, en función das súas características en relación con la COVID. Se deciden optar por un perfil anónimo, as mensaxes e alertas gozarán dun carácter moito máis xenérico, e incidirán nos protocolos sanitarios vixentes en Galicia.