Segundo día de aumento de casos covid na provincia de Lugo que hoxe volve rexistrar, segundo o último informe do SERGAS, un total de 210 casos activos, a mesma cifra que o venres pasado.
Malia que o aumento non é demasiado significativo, xa que se debe máis a un descenso de altas médicas que a unha suba real dos contaxios, si que habería que observar que este cambio na tendencia ocorre dúas semanas e media despois de que se iniciara o alivio das restricións impostas pola Xunta.
Como diciamos, ás escasas altas médicas -6 nunha xornada- hai que sumarlle tamén os positivos detectados por PCR, que na última xornada se situaron en 10 casos novos.
Todo esto non está a afectar á presión asistencial que hoxe experimenta un leve descenso. En plantas de hospitalización se contabilizaban ata as 6 da tarde de onte un total de 18 casos, un menos que na xornada anterior, e 5 na unidade de críticos do HULA, que tamén descende nun paciente. Por hospitais, o Lucus Augusti conta hoxe con 11 casos covid en planta, tanto no Hospital da Mariña coma no de Monforte se rexistran 3 pacientes en cada un, e no Polusa hoxe hai un caso covid en planta.
No tocante aos falecementos, ao igual que días atrás non hai que lamentar ningunha morte causada polo virus.
Recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Saúde
E todo isto ocorre no momento no que o Goberno Estatal deu un paso previo para recorrer a reforma da Lei de Saúde de Galicia, aprobada o 25 de febreiro, é dicir a que estableceu as últimas restricións e limitacións impostas pola Xunta, por ir, presuntamente, contra a Constitución. O Goberno pediu ao Consello de Estado a emisión dun dictamen preceptivo de maneira urxente coa intención de impugnar a lei galega que, segundo considera o Consello de Ministros “introduce restricciones y limitaciones a Derechos Fundamentales”; algo que só podería establecer o Goberno Estatal mediante unha lei orgánica.
Unha das medidas que levou ao Goberno estatal a interpoñer este recurso de inconstitucionalidade, é a posibilidade, a que abre a porta a lei galega, de obrigar aos cidadáns a vacinarse. O Goberno de Pedro Sánchez asegura que a estratexia de vacinación fronte a Covid 19 que establece España recolle a voluntariedade da inmunización. O vindeiro 23 de marzo o Consello de Estado emitirá o seu informe e, en base a él, o Goberno central tomará as medidas oportunas.