Seis anos de cárcere por abusar sexualmente da filla duns amigos

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a seis anos de cárcere a un acusado de abusar sexualmente, de forma continuada, da filla duns amigos, a cal tiña 14 anos. O tribunal considera probado que o acusado, que tiña 30 anos cando sucederon os feitos, se aproveitou da confianza que tanto el como a súa esposa tiñan cos pais da vítima para, “con pleno coñecemento da súa idade”, comezar a enviarlle mensaxes a través de WhatsApp ata convencela para que fose ao seu domicilio e manter relacións sexuais con ela. Estes feitos sucederon en, polo menos, catro ocasións, segundo a sentenza. “Para evitar que estes feitos chegasen a ser coñecidos e que a menor non os contase aos seus pais, insistentemente e ordenáballe que borrase as mensaxes que lle enviaba, algo que facía”, aseguran os maxistrados na resolución.

A Sala sinala que non apreciou “o mínimo indicio de motivación espuria nas manifestacións da vítima”, quen mesmo negou á súa nai, nun principio, cando descubriu un vapeador que lle regalara o procesado, as relacións mantidas con el, ata que finalmente lle dixo que a ía a levar ao hospital, momento no que as recoñeceu.

Os xuíces tamén destacan a concorrencia da denominada persistencia na incriminación, pois ao longo do tempo a menor mantivo a mesma versión, tanto ante os axentes como ante o xulgado instrutor e ante o tribunal da Audiencia Provincial, durante o xuízo.

A existencia das relacións sexuais tamén foi admitida polo procesado, quen, con todo, negou saber a idade da vítima, a pesar de que asistira ao seu 14 aniversario. Os maxistrados, ademais de seis anos de prisión, impuxéronlle o abono dunha indemnización de 12.000 euros á vítima.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com