Seis concellos lucenses elaboran plans de emerxencia ante situacións de seca

A Xunta de Galicia destinou 73.300 euros nos últimos dous anos para que seis concellos da provincia de Lugo puidesen elaborar plans de emerxencia ante situacións de seca asociados aos sistemas de abastecemento que xestionan, grazas ás dúas convocatorias de axudas lanzadas polo Goberno galego.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembrou que actualmente está aberta unha nova convocatoria deste programa que xestiona a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a través de Augas de Galicia, e os concellos interesados teñen de prazo ata o vindeiro 4 de xuño para presentar as solicitudes.

Os municipios que accederon ás achegas o pasado ano foron os de Sober e Begonte, que recibiron 14.000 euros en cada caso, Ribadeo (10.800 euros) e Ribeira de Piquín (14.500 euros). No 2019 recibiran axudas Portomarín e O Vicedo, por importes de 8.000 e 12.000 euros respectivamente.

Estes plans considéranse os instrumentos básicos de planificación das administracións responsables dos sistemas de abastecemento á poboación para xestionar os episodios de seca. Entre outros aspectos, determinan cales son as zonas máis vulnerables en caso de seca e os usos da auga máis relevantes desde o punto de vista económico e social, coa identificación da poboación, dos condicionantes ambientais ou dos principais elementos do patrimonio natural e das actividades estratéxicas que se poderían ver afectados.

Tamén indican as medidas de xestión que se adoptarán en caso de necesidade e a previsión dunha subministración alternativa ante situacións de escaseza conxuntural, razoable e proporcional ás concretas circunstancias que potencialmente se poidan producir.

Os concellos interesados atoparán na páxina web oficial de Augas de Galicia un modelo de plan municipal de emerxencia e xestión do risco de seca e algunhas recomendacións para a súa elaboración.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com