A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar a redacción dos proxectos para a construción de 6 novas sendas peonís e ciclistas na comarca de Lugo, cun investimento de 2,5 millóns de euros. O contrato para a redacción do proxecto foi adxudicado á empresa Proyfe por un importe de máis de 108.000 euros e un prazo de execución de 12 meses.
Estas sendas teñen os fondos garantidos e recollen actuacións tan importantes como o itinerario dun quilómetro nun treito da LU-633, que une Portomarín cos núcleos situados na outra ribeira do encoro do Miño, un camiño que lle permite aos veciños destes núcleos acceder con maior facilidade aos servizos e que mellorará substancialmente o paso actual pola ponte sobre o encoro, nun treito que coincide co Camiño Francés a Santiago.
Con estes traballos danse os pasos necesarios para que os veciños destes concellos de Lugo e tamén os peregrinos poidan dispoñer, canto antes, de sendas seguras, sustentables e integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais.