Senadores do PP preguntan ao Goberno que plans ten para a mellora da A6

Os senadores populares pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Lorenzo Varela e Juan Serrano, presentan sendas iniciativas para que o Goberno aclare que plans ten para a mellora do pavimento da autovía A-6 entre Lugo e A Coruña e para dotar á capital lucense dunha nova Comisaría de Policía.

No que respecta á autovía A-6, os populares queren que o Goberno aclare que actuacións ten previsto levar a cabo para reparar o pavimento, cheo de fochancas entre Lugo e A Coruña. En caso de que estean previstas intervencións, os senadores populares interésanse por coñecer en que consistirán, así como que orzamento hai asignado para tal fin. Advirten de que as melloras deben ter suficiente calidade, un aviso que se produce á vista do resultado dalgunha reparación feita aínda hai pouco tempo. No tramo afectado por ditas obras utilizouse un pavimento escasamente drenante, polo que cando chove a calzada énchese de auga, a diferencia do que ocorre co pavimento orixinal, de alta calidade en canto a drenaxe.

Os mesmo senadores destacan que a maior parte das fochancas están no carril dereito, polo que os condutores vense obrigados a circular polo carril esquerdo. Lembran que a Garda Civil de Tráfico realizou informes relativos ao mal estado desta vía e a plataforma Stop Accidentes elevou unha queixa á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

Comisaría de Lugo
Os senadores populares por Lugo presentan unha nova iniciativa en relación coa prometida construción da nova Comisaría de Policía da capital lucense. Nunha moción que defenderán na Comisión de Interior, propoñen poñer en marcha o proxecto para construír a nova Comisaría da Policía Nacional de Lugo, co fin de acabar cos problemas debidos, por un lado, á localización da actual, e, por outro, aos derivados das condicións do edificio no que se atopa.

Os populares tamén propoñen a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) na Comisaría da Policía Nacional de Lugo, que foi aprobada na Comisión de Interior do Congreso o 12 de marzo de 2021, así como modificar a Relación de Postos de Traballo (RPT) da Garda Civil, co obxectivo de cubrir os postos que se atopan vacantes e que están a provocar unha sobrecarga de traballo intolerable nos axentes en activo.

Na iniciativa popular inclúese a creación dunha unidade de seguridade cidadá na Comandancia da Garda Civil de Lugo (USECIC).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com