Unha sala pequena, dous flexos, unha mesa, dúas cadeiras, tres caixas fortes. Así é a polémica estancia onde o Parlamento Europeo permite a revisión de 70 dos documentos “non oficiais” das negociacións do Transatlantic Trade and Investment Partnership (TTIP), un dos tratados de liberalización comercial que están a negociar arestora a Unión Europea (UE) e os Estados Unidos de América (EUA).
As dúas horas de tempo estipuladas para acceder á sala de lectura do TTIP deron só para revisar catro dos dezasete documentos solicitados. “Non houbo nada que reducira un ápice a grande preocupación que tiña antes de entrar; o que atopei vai na liña do que xa sabemos e estamos denunciando”, valorou a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra.
Destacou á restrición e dificultades no acceso á información, engádese ademais o feito de que algúns dos documentos compilados nesta sala non están “completos”. “Había documentos que facían alusión a anexos para poder ser comprendidos na súa totalidade, pero os anexos non estaban alí”, sinalou Senra.
Asemade, a eurodeputada resaltou que “resulta tamén unha eiva democrática a barreira lingüística, xa que “non é lóxico que uns documentos destas características estean só nun idioma, neste caso o inglés”.
“Confírmase que este é un tratado que abarca absolutamente tódolos ámbitos da nosa vida. Unha trascendencia tan absoluta que fai inda máis condenable o escurantismo ao que está a ser sometida a negociación,”non está a haber a transparencia mínima necesaria, nin de cara á cidadanía, nin de cara ás eurodeputadas/os, que teremos que discutir sobre este tratado e do que nalgún momento teremos que decidir sobre a súa ratificación ou non.Están limitando a nosa acción política”, sentenciou.
Logo de ter acceso aos documentos confidenciais custodiados na sala de lectura do Parlamento Europeo, a conclusión de Senra é que “todo resulta unha pantomima, debido á alarma social víronse obrigados a habilitar esta ferramenta de suposta transparencia, cando en realidade a información segue sendo moi limitada”.
“Fronte a esta tentativa de impoñer un acordo comercial que remataría ca soberanía dos pobos tal e como a coñecemos hoxe en día”, a eurodeputada galega puxo en valor a loita social que está a facer fronte ao TTIP. “Cómpre seguir dando a batalla para que haxa transparencia, seguir dando a batalla para que coñezamos realmente en todo momento o que se está negociando e loitar contra este tratado entre os EUA e a UE que vai ter consecuencias tremendas para a nosa vida diaria”, concluíu.