Sentidiño

Eu creo que a natureza, ou a Divina Providenia, cada quen elixa a súa preferencia, que foi pródiga con Galicia, non se parou no noso país somente no aspecto físico, senon que nos marcou moi profundamente ás persoas, conformando o noso xeito de ser.

E o contraste de vales e chairas, da costa e do interior, dos nosos fiordos e praias cos altos cumes do Courel ou da barreira montesía de Pedrafita, condiciona o brotar das augas, o pegar das olas, o discurrir do vento, ou a parada de nubes sobre nós para de cando en vez enchouparnos de agua que logo vai á terra.

O que quero dicir con este longo comezo é que non parece a mesma natureza nin a mesma Divina Provincia a que nos fixo a nós e á metade dos cataláns, que supoño que cando miran para o lado ven aos demais con superioridade, mentras os demais só queremos que miren para outro lado e nos deixen vivir en paz cos nosos problemas, cos fins de mes, os estudos dos fillos, coas pensións pequenas, pero coa tranquilidade que nos da non ter que avergoñarnos nin dentro nin fóra das leis que nos rexen, do xeito de elixir quen nos goberna, e de quen e como nos goberna.

Os galegos podemos ser autonomistas, independentistas, republicanos, monárquicos, e do Celta ou do Deportivo, porque ten que haber de todo, e é moi bo que haxa de todo, pero xa está ben de bourear con todo o divino e do humano, de xogar coas cousas de comer, de ter ao goberno bailando sardanas, e seguro que maldecindo en catalán na intimidade.

Lois Diéguez, na novela “Galou Z 28”, fabula con que un terremoto separou Galicia da península, e esta bótase a navegar polo Atlántico. E, naturalmente, José Saramago, con “A balsa de Pedra” especula con que a península racha polos Pirineos e tamén emprende singladura en busca de –suponse- mellores climas.

Se seguen así, e se convocase un referéndum entre todos os españois, ollo co resultado que habería quen votase que si, para olvidar ese problema. E chama a atención a moderación en xeral das forzas nacionalistas galegas que están ao seu, e non consideran que ”eso” toque agora, o cal é sinal de sentidiño.

En fin: que sigamos tendo a festa en paz, comecemos con bo pe o ano e tomemos de cando en cando algo espumoso, francés, catalán ou galego, que tamén aquí sabemos facer as  cousas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com