Será o Día das Letras Galegas 2017 para Avelino Díaz?

A Asociación Cultural Avelino Díaz segue a traballar para que se lle dedique o día das Letras Galegas 2017 a este escritor da diáspora nacido en Riotorto. Para elo formouse un colectivo que abrangue ás corporacións dos concellos de  Riotorto e Meira e que  pretende poñer en valor a vida e a obra de Avelino Díaz Díaz, nacido en Santa Comba de Órrea – Riotorto, pero que pasou boa parte da súa nenez en Meira. O “Poeta de Meira” emigrou sendo adolescente a Buenos Aires, onde desenvolveu un intensa actividade xornalística e literaria. Nunca regresou á Terra, e precisamente por iso a súa obra é, se cadra, máis coñecida en América que en Galicia. A pesar diso, trátase dunha obra de calidade que sen dúbida merece unha investigación demorada, sobre todo se temos en conta que, á marxe dos seus catro volumes publicados, uns 700 poemas están pendentes de localización.

Avelino Díaz naceu no lugar da Travesa, na parroquia de Santa Comba da Órrea, no Concello de Riotorto, provincia de Lugo, o 14 de novembro de 1897. Fillo de nai solteira, a súa paternidade atribúeselle a Manuel María García Castro, home culto e autor de numerosos poemas, moitos deles publicados en  El agricultor, revista de agricultura do concello de Riotorto. Del, talvez, herdou Avelino o interese pola cultura e a vea poética. Dous días despois do seu nacemento aparece inscrito no Rexistro civil de Riotorto polo seu tío Diego López, como “fillo ilexítimo de pais que agora non poido expresar”. Antonia Díaz, nai de Avelino, traballaba como criada na casa do pai de Avelino e parece que foi despedida ao quedar embarazada con 22 anos.

Avelino viviu na Órrea, no seo dunha familia labrega moi humilde ata os dez anos, cando nai e fillo trasladaron a súa residencia á veciña localidade de Meira, momento no que a nai recoñeceu a Avelino como fillo seu. Ós doce anos, Avelino colleu, acompañado dun familiar, o vieiro da emigración cara a Bos Aires (Arxentina)   “Doce anos tiña eu cando o meu parente, aventureiro e codicioso, me trouxo pr-América, sin que eu, a esa edade, tivese deseios de vir nin motivos ou razós que me obrigasesen a sair da nosa terra, xa que drento d-unha relativa probeza, non me faltaba de nada (…) Eu non emigrei pol-o me deseio. Quizabes, cando fose mais grande o fixese, pero, d-aquela, non fixen mais que reaizar unha aición, de obediencia, como se me dixesen que fose sachar patacas ó leiro ou levar as ovellas ó monte”. ( “Eu tiña doce anos”, Alborada, nº 125, VII-XII-1944).

Pasados seis anos e sen coñecer a prosperidade económica, retornou a Meira, exercendo como mestre “do ferrado”, mestre sen titulación que recibía en especies (trigo, centeo ou millo) a súa retribución en tres aldeas da contorna e acudindo ás segas a Castela, recurso económico que paliaba as penurias económicas de moitas familias da bisbarra.    “Mais o resultado inmediato foi que, ós poucos anos, o meu parente e mais eu, voltamos á terra con unhas cantas cadelas que, por certo, non chegaron para media merenda”  (“Eu tiña doce anos”, cit.) Avelino asistira á escola primaria da época, á que acudían mesturados os rapaces das diferentes idades e cando os traballos do campo o permitían. Sería xa na emigración cando, grazas ao seu esforzo e interese por aprender, combinando horas de traballo e estudo e, sobre todo, lendo toda canto caía nas súas mans, acadaou a súa formación intelectual. “Cando cheguei aquí non sabía, certamente, mais que un pouco desa mal chamada doutrina cristiana, sabía moitas oraciós, que maldita a cousa para a que me serviron, pro, non sabía casi nada das cousas que teñen valor na vida (Alborada, nº 25, cit).

Con 22 anos retoma outra vez o camiño da emigración, esta vez cara a Cuba, asentándose, pasado un ano, definitivamente en Bos Aires e non regresando xa nunca máis a Galiza. En Bos Aires traballou como administrativo nunha das empresas leiteiras máis importantes de Arxentina (La Martona) e casou cunha moza navarra, tamén emigrante, Felisa Idurriaga, seis anos máis nova ca el, coa que tivo catro fillos, Avelino, Armando, Alfredo e Alberto Morreu Avelino, no ano 1971, aos 73 anos de idade, cego e enfermo de alzheimer e está soterrado no Panteón de do Centro Galego de Bos Aires, preto da tumba de Castelao e Ramón Suárez Picallo, dous grandes persoeiros a quen Avelino admiraba profundamente. FONTE: FREIRE FREIRE, Marivel. Avelino Díaz, Unha voz comprometida na Galicia emigrante. A Terra Chá, Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego, 2002

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com