O servizo de orientación laboral da Xunta conta con 50 novos técnicos

A Xunta de Galicia reforza o servizo galego de orientación laboral na provincia a través da contratación de 50 técnicos que axudarán ás persoas sen emprego a mellorar as súas oportunidades laborais, co obxectivo de que poidan insertarse no mercado de traballo o antes posible e nunhas condicións axeitadas ao seu perfil profesional.

En concreto, a Consellería de Economía, Emprego e Industria potencia o servizo de orientación nas 11 oficinas de emprego da provincia, e facilita a contratación de orientadores na Administración local e en 10 entidades sen ánimo de lucro de Lugo. Destina, en conxunto, máis de 1 millón de euros ao financiamento destes contratos.

Así, a Consellería incorpora tres orientadores máis na oficina de emprego Lugo Norte e outros tantos na Lugo Sur, ambas na capital; tamén suman dous orientadores as oficinas de Monforte de Lemos, Sarria e Vilalba, e un orientador máis as de Becerreá, Burela, Chantada, Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro.

Igualmente, financia a contratación dun orientador nos concellos de Viveiro, Vilalba, Portomarín, Sober, Cervantes, O Corgo, Cervo, Sarria, Carballedo, Quiroga e Burela, así como na Deputación Provincial.

Por último, as entidades sen ánimo de lucro que incorporan a un técnico en orientación na provincia son a Confederación de Empresarios e outras asociacións empresariais sectoriais así como colectivos do ámbito social -como Cogami ou Fademga-, o sindicato UXT ou Ilunion Emprego, entre outros.

O servizo de orientación laboral de Galicia está composto por técnicos que actúan como titores personalizados de cada persoa desempregada. Desenvolven, entre outras funcións, entrevistas persoais, elaboran perfís individualizados coa identificación de oportunidades profesionais e realizan un seguimento de cada persoa.

Os orientadores facilítanlles ás persoas desempregadas información actualizada sobre o mercado de traballo, sobre accións de formación profesional para o emprego e o proceso de recoñecemento da experiencia laboral coas que poden mellorar a súa cualificación. Así mesmo, elaboran diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados, que obteñen un itinerario personalizado de emprego para a súa posterior inserción laboral.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com