O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, anunciou que xa son sete as multinacionais interesadas no centro aeronáutico de Rozas, no municipio de Castro de Rei.
“Xigantes como Airbus, Boeing, Agusta Westland, Elbit Systems, Acciona, Everis e Indra, participarán, xunto as máis de 200 compañías que amosaron formalmente o seu interese no proxecto, no evento organizado pola Xunta en Santiago a partir do luns, no que as empresas poderán tecer alianzas para a presentación de ofertas conxuntas e coñecer polo miúdo o procedemento”, afirmou Conde.
O Conselleiro sinalou asemade, que o aeródromo lucense desperta o interese de empresas procedentes de Estados Unidos, Israel, Alemaña, Suíza ou Italia, ademais de pemes, universidades e centros tecnolóxicos galegos. Conde destacou que “a Xunta aspira a levar ao sector aeronáutico galego a unha posición similar á que hoxe teñen na comunidade sectores como o naval e a automoción, facendo do que hoxe é un sector emerxente en Galicia un verdadeiro tractor”.
Con ese obxectivo, a Xunta de Galicia investirá de 55 millóns de euros no proxecto: 10 millóns xa investidos xunto ao INTA no Centro Mixto de Investigación Aerotransportada, 20 millóns destinados á compra pública innovadora de tecnoloxías, e 25 millóns que se adicarán a contratación dun ou varios socios industriais de referencia.
O proceso de contratación do socio industrial, que ten comezado coa publicación das bases na páxina web da Axencia Galega de Innovación, concluirá coa firma do contrato en decembro, tras varias roldas de negociación nas que a Xunta trasladará aos candidatos propostas de mellora con respecto ás súas ofertas iniciais.
Conde resaltou como criterios de valoración para a selección do socio ou socios industriais, “por riba de todo, a colaboración con pemes, centros tecnolóxicos e universidades galegas, un factor que inflúe en 20 dos 30 criterios para a selección do socio”. O socio terá como punto de referencia o aeródromo de Rozas, do INTA, ao redor do cal se busca construír un parque tecnolóxico que sirva de plataforma a un reto que permitirá a Galicia desenvolver tecnoloxías en varios eidos.