Unha colisión entre tres turismos rexistrada esta mañá na A-6, ao seu paso por Lugo, sáldase con sete persoas feridas. Segundo a información facilitada ao 112, un dos vehículos implicados envorcou, aínda que as persoas que ían no seu interior puideron abandonalo polos seus propios medios.
O accidente produciuse no quilómetro 491 da autovía, en sentido A Coruña. Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 10:55 horas desta mañá para alertar dos feitos.
Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informouse do sinistro ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros Lugo e de Sarria. Os feitos tamén foron postos en coñecemento de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.
Saída de vía en Palas
Asemade, na A-54, á altura de Palas de Rei, unha persoa resultou ferida tras saírse da vía. O sinistro tivo lugar á altura da saída 36.
Foi unha persoa particular a que informou dos feitos ao 112 Galicia ás 11:10 horas desta mañá. Acto seguido, dende a central de emerxencias do 112 alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias, ao GES de Monterroso, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico