Si, hai saída agradece, con motivo do seu sétimo aniversario, os apoios recibidos ao longo da súa traxectoria

A Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero vimos de cumprir, o día 21 de Marzo, o noso sétimo aniversario.

Sete anos xa desde aquela tarde do 2014 na que nos dispoñíamos a tentar aportar o noso graniño de area na loita contra a violencia de xénero, asesorando e asistindo as mulleres que así no lo solicitaran a partir dese momento.

Ilusión, esperanza e tamén incerteza ante o futuro que nos agardaba se mesturaban, como tamén tiñamos claras dúas cousas: A firme convicción da tarefa que íamos acometer e o convencemento de que moi poucos apostaban por nos.

O tempo encargouse de confirmar as dúas, e ao longo destes anos tivemos de todo.

Moitas satisfaccións, a inmensa maioría por cada sorriso que fomos quen de axudar a rexurdir, moitas ledicias, pero tamén moitos atrancos, moitos desgustos, algúns inevitables, inherentes a nosa actividade, e outros estratexicamente colocados no camiño por aqueles aos que molestamos, de cuxa existencia somos conscientes, algo que se fixo notar de xeito aínda mais notable nos últimos anos, e especialmente desde que a pandemia fixo acto de presenza, carecendo, cando mais o precisábamos de practicamente apoio ningún, desmentindo esa unión e esa causa común a prol da cal se supón que todos aqueles que, dun ou doutro xeito, traballamos en violencia de xénero, loitamos, mentres que outros intereses asomaban de xeito evidente.

Nunca chegamos a pensar que a nosa intención de non lucrarnos da dor, de non definirmos como moitos nos esixían para ser aceptados, de afastarnos de certas ostentacións, que nada teñen que ver coa visibilización da violencia machista, sen dúbida imprescindible, se non que, pola contra, contribúen a desvirtuala, serían fonte de tantos problemas e a causa de que moitos desexaran e continúen desexando a nosa desaparición.

En demasiadas ocasións, lamentablemente, ese respecto que nos sempre amosamos polo traballo alleo, co que podemos non concordar, pero nunca descualificar, non foi nin está a ser correspondido.

Malia isto, a nosa ilusión segue intacta, a nosa intención de continuar na loita, mais reafirmada que nunca, como mais reafirmado que nunca está o noso equipo, que non se pode cualificar mais que de auténtico agasallo.

Por isto, neste sétimo aniversario de Si, hai saída, e nun ano, como xa dixemos, tremendamente difícil, desexamos, de xeito moi especial, expresar o noso agradecemento a todos aqueles que nos están brindando o seu apoio, algúns desde que demos os nosos primeiros pasos, outros, non menos importantes, que foron chegando co paso do tempo, e que tamén teñen, como non podería ser menos, un lugar destacado no noso corazón.

Non queremos, a propósito deses primeiros pasos de Si, hai saída, deixar de ter unha lembranza para alguén moi importante para nos, alguén que creu no noso proxecto, que soubo entender a nosa prioridade, que era, como segue sendo, axudar as mulleres que están a sufrir a violencia de xénero, facendo unha contribución fundamental:

Axudarnos, co seu apoio, coa súa implicación e coa súa concienciación na importancia desta loita, facilitando a interactuación entre a Institución a que representaba e o noso colectivo, a proxectar algo que se botaba en falta e que era, é, fundamental: A imaxe dunha Comisaría na que o factor humano era o sinal de identidade, que se conxugaba perfectamente coa eficiencia e a profesionalidade, facilitando, así mesmo, a nosa labor de acompañamento as vítimas no momento da denuncia, de xeito que elas se sentiran arroupadas e que un trance tan duro para unha muller maltratada fora un pouco mais doado.

Estamos a referirnos ao que era naquel momento o Comisario, Xefe Provincial da Policía Nacional, Manuel Teijero, a quen, un a ano mais, non podemos por menos que transmitirlle o noso agradecemento, porque a súa labor marcou notablemente a que sería a nosa folla de ruta, que, malia estar a verse, neste eido, desde hai un tempo, forzosamente alterada, algo que lamentamos profundamente, confiamos en que o tempo acabe por facer prevalecer a razón, e de novo ese traballo conxunto, imprescindible entre todos aqueles que, se supón, temos o obxectivo común de loitar contra a violencia machista, sexa, como o foi durante anos, a nota dominante.

Non imos mencionar, polo demais, a ninguén en particular porque correríamos o risco de esquecer a alguén e non sería xusto, mais si queremos manifestar o noso agradecemento de xeito especial ao eido Xudicial, polo inmenso respecto que sempre amosaron e continúan a amosar polo noso traballo, o mesmo que o eido legal, e, por suposto, a todos aqueles que confiaron e seguen a confiar en nos, e que son un revulsivo para seguir adiante, mesmo cando as cousas se poñen moi difíciles.

Pola nosa banda, tan so nos queda reafirmar o noso compromiso de seguir traballando arreo, sen moito ruído, como sempre facemos, pero sen desfalecer, para que atopar esa saída da violencia de xénero que nos da nome estea cada día mais preto de ser unha realidade.

O equipo de Si, hai saída

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com