Si, hai saída pide ás autoridades que fagan un seguimento do tratamento nos medios da información sobre o último crime machista de Lugo

A asociación contra a Violencia de Xénero, Si, hai saída, remitiu no día de onte unha misiva á Policía Nacional e á Subdelegación de Goberno solicitando que realicen un seguimento do xeito no que a información sobre o último crime machista de Lugo foi difundida por certos medios de comunicación. “Petición, cremos, boa para todos, tamén para a Instrución, xa que o ton, algo máis que cuestionable na que se fixo pública, pode mesmo inducir a erro, dando por sentado que conta coa aprobación desta, algo que, francamente dubidamos”.

A asociación fai referencia así a como un medio de comunicación recollía e difundía a información sobre o asasinato de Cara María Expósito, a mans da súa parella a semana pasada, dun xeito “algo máis que cuestionable”. Segundo a propia xornalista á que fan referencia na carta, a información proporcionada polo medio sempre proviña de fontes policiais que, en opinión de Si, hai saída, “non son responsables de como a xornalista que se fixo eco da información, a reflicta”.

“Esta xornalista non tivo reparo algún en recrearse, desde o primeiro momento, en aspectos da vida da muller asasinada, que nada tiñan que ver co acontecido”, asegura a asociación.

“Expresións como ‘non traballaba’, ‘vivía dunha axuda’, ‘tiña problemas co alcohol’ ou mesmo apuntar que nalgunha ocasión manifestara a posibilidade de quitarse a vida, nada aportan á información“, consideran dende Si, hai saída que, advirten que estes termos “vulneran gravemente a intimidade e a dignidade da falecida, ademáis de ser unha aldraxe para ella, e, por suposto, para os seus achegados, o mesmo que numerosos detalles morbosas que recollía en cada nova noticia que publicaba”.

Si, hai saída, lembra, asemade, un novo titular, dos últimos días, no mesmo medio e asinado pola mesma xornalista onde se refiren á vítima como ‘a morta de Lugo’, o que “reflicte unha total falta de respecto e da máis mínima sensibilidade”.

“Non todo vale, e temos o convencemento de que todos concordamos neso, para acadar lectores ou notoriedade e tratar un crime machista utilizando o sensacionalismo e facendo dunha desgraza coma esta unha crónica amarela, é, ademáis dun insulto ás vítimas, aos seus achegados, un paso atrás na loita contra a violencia de xénero, ademáis de contribuir a proxectar unha imaxe dunha Institución como é a Policía Nacional que nada ten que ver coa realidade”, asegura a asociación no seu escrito.

Para Si, hai saída, tanto os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, como os medios de comunicación, “son dous piares básicos para a concienciación da sociedade”, e, polo tanto, fundamentais na loita contra unha lacra que xa acadou “dantescas proporcións” aumentando día a día. “A loita contra a violencia de xénero é tarefa de todos e, malia que nalgún momento poida xurdir algunha discrepancia entre todos os que, dun ou outro xeito, estamos implicados nela, todos temos unha motivacion común que é tentar, se non erradicala, algo que somos conscientes é imposible, si, polo menos, paliala, o que non se vai conseguir tratándoa coma unha crónica amarela“, conclúe a asociación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com