A asociación contra a violencia de xénero, Si, hai saída, alertou hoxe sobre as tráxicas consecuencias da falta de seguemento e da incorrecta valoración do risco en moitas denuncias de violencia de xénero. Dende a asociación demandan a revisión urxente do proceso de atención ás vítimas cando acuden a denunciar, asemade consideran de igual importancia volver a valorar os criterios de selección do persoal designado para esa función. Segundo Marta Rodríguez Engroba, presidenta de Si, hai saída, o persoal encargado da atención ás vítimas ten que ter certas característas entre as que primen “a sensibilidade, a humanidade e a empatía”.
Nun comunicado aos medios, a asociación lembra as “irremediables” consecuencias que pode provocar a falta de seguimento de moita das denuncias presentadas por mulleres vítimas de violencia de xénero, e faino poñendo o foco nos casos que se veñen dando en diferentes cidades españolas na última semana.
Así, Rodríguez Engroba destaba os últimos crimes machistas que, segundo explica “son a tremenda ratificación da nosa denuncia”. “A muller asasinada en Úbeda así como a nai das nenas acoiteladas polo seu pai en Castellón, presentaron denuncias por malos tratos e, en ningún dos dous casos se contou coa protección pertinente”.
Este seguimento, se leva a cabo, habitualmente, a través dun programa informático que, para a asociación, “por moito que sexa creado por especialistas, non pode detectar, con unhas preguntas xenéricas, o factor humano, os sentimentos, a rabia nin a maldade do maltratador”.
No caso a muller asasinada en Úbeda, ela tamén solicitara axuda e tiña denunciada a súa situación pero “as chamadas de auxilio non foron escoitadas e o seu caso foi desestimado”. Para Si, hai saída, os protocolos que agora levan a cabo as diferentes administracións para axudar aos fillos desta muller “de nada serven”.
“Obstinarse en seguir expoñendo as vidas de mulleres e menores e permitindo que sexa segadas, cun sistema que está máis que demostrado que non funciona é, nin máis nin menos, un xeito mais de maltratar e de matar”, expresan na misiva enviada aos medios, “é imprescindible que se escoite á muller, que é quen realmente coñece ao agresor, e que non se lle reste importancia a súa alarma, algo que case nunca se está a facer”.